O parricida de Moraña drogou ás súas fillas antes de matalas cunha radial para evitar que se defendesen

Umia
12 de novembro 2016

O fiscal, que pide que David Oubel sexa o primeiro condenado en España á pena de prisión permanente revisable, conclúe que lles fixo inxerir un cóctel de medicamentos para "adormentalas ou polo menos lograr que estivesen cun nivel baixo de conciencia". Coa filla de 4 anos conseguiu o obxectivo, pero non coa de 9, pois aínda estaba consciente e atouna

Coche da funeraria que traslada os restos das vítimas do dobre crime do Casal

David Oubel Renedo, en prisión como presunto autor do dobre parricidio das súas fillas de 4 e 9 anos en Moraña, non só as matou con crueldade utilizando unha radial, senón que antes de facelo drogounas "coa finalidade de evitar calquera posibilidade de defensa ou de fuxida das menores".

Máis de 15 meses despois do crime que o 31 de xullo de 2015 conmocionou España, o dato acaba de coñecerse ao facerse público o escrito de acusación da Fiscalía, no que se cualifican os feitos como dous delitos de asasinato con aleivosía agravados polo feito de que as vítimas son menores e nos que concorre a circunstancia agravante de parentesco e o fiscal pide que sexa condenado á pena de prisión permanente revisable, converténdoo no primeiro caso en España o que se aplicaría esta condena recollida na última reforma do Código Penal.

No documento, o fiscal, Alejandro Pazos, obvia os detalles máis escabrosos do dobre parricidio, pero si achega algún dos resultados da autopsia e conclúe que lles fixo inxerir un cóctel de medicamentos a base de benzodiazepinas e relaxantes musculares "nordiazepam, oxazepam e tizanidina" para "adormentalas ou polo menos lograr que estivesen cun nivel baixo de conciencia"

Amaia (4 anos) e Candela (9) vivían habitualmente coa súa nai ao estar os seus pais divorciados e ter ela a custodia, pero aquel 31 de xullo atopábanse co seu pai no que fora o domicilio familiar de Moraña como parte das súas vacacións de verán. Aproveitou o momento e matounas, segundo o fiscal, nalgún momento entre as 8.30 e as 11.00 horas.

Actuou, segundo o fiscal, "con evidente ánimo de acabar coa súa vida" e cando ambas estaban nas súas respectivas habitacións. Primeiro dirixiuse á súa filla menor, que presentaba un baixo nivel de consciencia polo efecto dos fármacos inxeridos momentos antes, e causoulle varios cortes profundos no pescozo cunha radial e un coitelo nun crime do que se eludirán detalles para non ferir sensibilidades

A irmá maior aínda estaba consciente ao non haberlle feito efecto os fármacos, de modo que a atou cunha cinta americana. Tamén a matou usando a radial e un coitelo e chegou a producirse un forcexo entre a nena e el

David Oubel está en prisión provisional desde o 1 de agosto de 2015 e actualmente atópase nunha prisión de máxima seguridade de León. Alí permanecerá ata que se celebre o xuízo, previsiblemente nos primeiros meses de 2017 na Audiencia Provincial de Pontevedra

O fiscal pide que se lle aplique a prisión permanente revisable e tamén que se lle impoñan a prohibición de aproximarse á súa ex muller e nai das falecidas ou comunicarse con ela por calquera medio -verbal, escrito, postal, telefónico, telegráfico, telemático ou informático- durante 30 anos. Tamén pide que sexa condenado a indemnizala con 245.000 euros.

Arquivado en