A Fiscalía e a acusación particular coinciden. David Oubel, o home que está acusado de degolar cunha serra radial ás súas dúas fillas de nove e catro anos en Moraña, debe ser condenado á prisión permanente revisable como autor destes dous asasinatos. Pero a súa defensa tratará de lograr a súa absolución, alegando unha alteración psicolóxica.
O avogado do parricida defenderá na vista oral, que se celebrará con xurado popular na Audiencia de Pontevedra, que este sufriu un "trastorno mental transitorio" o día do crime, que o fai inimputable ao cualificar esta circunstancia como unha eximente completa.
Así transcendeu despois de que o xulgado de instrución número 1 de Caldas de Reis ditase auto de apertura de xuízo oral contra Oubel. Todo apunta a que esta vista oral podería celebrarse antes do próximo verán.
A Fiscalía rexeitará a pretensión da defensa, xa que considera non só que o pai das dúas irmás acabou coa súa vida en plenas facultades mentais, senón que o fixo con aleivosía e agravado polo feito de que as vítimas, as súas dúas fillas, eran menores de 16 anos.
O fiscal conclúe no seu escrito de acusación que o 31 de xullo de 2015 Oubel matou as súas fillas con crueldade utilizando unha radial e, antes de facelo, drogounas "coa finalidade de evitar calquera posibilidade de defensa ou de fuxida das menores".
Ademais, pedirá que o tribunal lle impida achegarse a menos dun quilómetro da súa ex muller nin comunicarse con ela por un período de trinta anos e que esta sexa indemnizada polo acusado con 245.000 euros polo asasinato das súas fillas.