O parque infantil de Santa Clara, en plena "posta a punto"

Pontevedra
22 de abril 2023

A duración dos traballos "dependerá das condicións meteorolóxicas, xa que a choiva podería atrasar as tarefas de pintado, pero agardamos que poidan estar rematados nun prazo de entre dúas e tres semanas", avanzou Iván Puentes    

Restauración do parque infantil de Santa Clara Concello de Pontevedra

A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de poñer en marcha os traballos de restauración do parque infantil de Santa Clara, situado no lateral do Hiper Froiz, unha intervención que se está a realizar en paralelo coa zona de xogos de Barcelos.

A actuación consistirá na reforma integral e posta a punto deste espazo de lecer co pintado de diversas estruturas, afectadas por pintadas vandálicas, o lixado, lasurado e tratamento de todo o valo perimetral e a retirada das áreas de pavimento amortecedor de caucho deterioradas e agretadas.

Segundo explicou Iván Puentes, "o pavimento será renovado, incrementando as capas de caucho e achegándolle maior volume e espesor en determinadas zonas, de xeito que teña as axeitadas condicións de amortecemento en función das alturas de caída dos elementos de xogo". 

Dentro desta intervención tamén arranxaranse as redes e cordas danadas ou en mal estado, reporanse o mobiliario e unha papeleira do interior do parque, así como os parafusos e tapóns deterioradas, e restaurarase o columpio-cesta.

A duración de todos estes traballos "dependerá das condicións meteorolóxicas,xa que a choiva podería atrasar as tarefas de pintado, pero agardamos que poidan estar rematados nun prazo de entre dúas e tres semanas", avanzou Puentes.

A obra conta cun orzamento superior aos 20.000 euros e a realizará a empresa Jardinería Jara.