O parque forestal da Fracha estrea un novo miradoiro na área de Rega Pereira

Pontevedra
01 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Unha pasarela de madeira integrada na paisaxe que permite ter unha espectacular vista da cidade de Pontevedra. É o que ofrece o novo miradoiro que o Concello de Pontevedra vén de habilitar no parque forestal da Fracha, un dos pulmóns verdes do municipio

Visita do alcalde aos traballos de mantemento do parque forestal da Fracha

Unha pasarela de madeira integrada na paisaxe que permite ter unha espectacular vista da cidade de Pontevedra. É o que ofrece o novo miradoiro que o Concello de Pontevedra vén de habilitar no parque forestal da Fracha, un dos pulmóns verdes do municipio.

O miradoiro, que está situado na área de lecer de Rega Pereira, en Tomeza, foi posible tras un investimento de case 17.000 euros, que executou a empresa Xardinor SL.

Esta actuación formou parte dunha serie de labores de mellora e acondicionamento de todo o parque, un dos tres que ten Pontevedra xunto co da Tomba e o Pontillón do Castro.

Os tres parques contan cunha brigada de mantemento ao longo de todo o ano que fundamentalmente realiza traballos de control da vexetación e eliminación de especies invasoras nos tres parques da cidade.

Estes traballos están a ser realizados pola empresa EIL Cormo Integral, logo de gañar a adxudicación do contrato no ano 2022.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou os distintos traballos que se foron realizando e animou a toda a veciñanza a pasear por estes parques e facer algún dos roteiros sinalizados para fomentar hábitos saudables e coñecer o patrimonio natural do municipio.