O parque da Palmeira de Joaquín Costa renderá homenaxe á mestra Daría González

Pontevedra
18 de febreiro 2023

O coñecido como parque da Palmeira, situado na confluencia de Joaquín Costa con 12 de Novembro, está a ser obxecto de traballos de mellora estes días despois de que un temporal primeiro e un guindastre despois provocaran danos. A partir da vindeira semana, procederán á plantación de novas especies arbustivas

Traballos que se están a realizar no parque de Joaquín Costa Concello de Pontevedra

O coñecido como parque da Palmeira, situado na confluencia de Joaquín Costa con 12 de Novembro, está a ser obxecto de traballos de mellora estes días despois de que un temporal primeiro e un guindastre despois provocaran danos.  

Primeiro, un temporal causou o desprendemento e caída da medianeira dun edificio lindeiro. Logo, o guindastre instalado na zona para a reparación causou danos no parque. 

Agora, a concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural está a realizar traballos de axardinamento e arranxo. Os traballos execútaos a empresa adxudicataria Garocaprim SL. 

O parque está pechado ao público por mor das obras de mellora paisaxística e de creación de áreas de estancia e sombra que se están a levar a cabo. 

O concelleiro responsable do ramo, Iván Puentes, explicou que unha vez que se rematen estas tarefas para amañar e optimizar o estado das áreas verdes, a partir da vindeira semana, procederán á plantación de novas especies arbustivas.

O tamén portavoz municipal do PSOE adiantou que este novo parque será bautizado co nome da mestra Daría González, polo que está previsto colocar unha placa co seu nome, seguramente nunha árbore que se situará de xeito simbólico do lado do camiño de pedra que dá cara a Joaquín Costa.

O Concello destinou unha achega económica de 48.546,30 euros a esta actuación, que se traduciu na posta en valor dos elementos preexistentes e na integración do parque na contorna coa creación dun camiño que artella o espazo de oeste a leste.