A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria propón para esta Semana Santa un programa, 'Paisaxes Culturais', que inclúe abondosas actividades de balde para toda a familia no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, en Campo Lameiro, un dos conxuntos de petróglifos máis importantes de Europa.
Unha opción diferente para pasar estas datas en familia é o obradoiro 'Do gran ao pan', pensado para que os máis pequenos coñezan os procesos relacionados coa agricultura.
O parque permanecerá aberto de martes a domingo de 10.00 a 20.00 horas de forma continuada, e contará ademais con visitas guiadas xerais todos os días ás 16.30 e 18.00 horas, e exhibicións no poboado de 'Lume' (ás 13.30 e 19.00 horas) e de 'Materiais da Prehistoria' (ás 17.30 horas).
Todas as actividades son gratuítas, aínda que é necesario facer reserva previa no 986 696 066 ou en reservas@paar.es.
A entrada ao parque ten un custo para o público xeral de 5 euros, conta cunha tarifa reducida de 3, e o acceso gratuíto para nenos e nenas ata os seis anos.