O paro creceu no mes de xaneiro

Pontevedra
02 de febreiro 2022

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo  Inem) subiu en 30 desempregados en xaneiro na cidade de Pontevedra. A capital da provincia ten un total de 5.022 persoas no paro. En xaneiro, o paro rexistrado medrou en Galicia en 1.348 persoas (+0,88 %), porcentaxe superior á media do Estado (0,55 %).   

Unha persoa traballando nun taller mecánico Diego Torrado

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) subiu en 30 desempregados en xaneiro na cidade de Pontevedra. A capital da provincia ten un total de 5.022 persoas no paro.

O concello de Barro ten 204 desempregados (-17); Poio, 1.000 (-18); Ponte Caldelas, 396 (-19); Marín, 1.342 (-37); Cerdedo-Cotobade, 289 (14); Campo Lameiro, 105 (-1); A Lama, 134 (-2); Bueu, 750 (-1); Vilaboa, 326 (-10).

Na comarca do Salnés, Cambados tiene 910 parados (40), O Grove, 912 (78); Meaño, 303 (5); Meis, 270 (8); Ribadumia, 268 (14); Sanxenxo, 1.021 (11); Vilagarcía, 2.949 (-2); Vilanova de Arousa, 628 (3); A Illa de Arousa, 245 (13).

Na comarca do Umia, este mes de xaneiro Caldas de Reis ten 589 parados (-5); Cuntis, 229 (-26); Moraña, 236 (-18); Portas, 170 (-2).

GALICIA

En xaneiro, o paro rexistrado medrou en Galicia en 1.348 persoas (+0,88 %), porcentaxe superior á media do Estado (0,55 %). Pola súa parte, a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha baixada de 1.509 afiliados; porén, considerando os datos da afiliación media mensual, esta redúcese en 10 831 persoas (-1,05 %) respecto ao mesmo período do mes anterior.

Deste xeito, segundo os datos de paro rexistrado que se veñen de coñecer, o total de persoas anotadas como desempregadas sitúase en 153.584, mentres que a media de afiliacións á Seguridade Social é de 1.021.784.

VALORACIÓN SINDICAL

Os datos de paro rexistrado que se veñen de coñecer reflicten para a CIG que "tras o espellismo provocado pola campaña de Nadal, o ano comezou en Galiza amosando a verdadeira faciana do mercado laboral, co paro e a temporalidade na contratación como principais características". 

Para o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, "os datos amosan xa os efectos máis perversos da nova reforma laboral antes incluso da súa presumible aprobación definitiva". 

A contratación temporal continúa por enriba do 80%, mentres que a indefinida aumenta máis nas modalidades máis precarias: na indefinida parcial medra un 40% a nivel estatal, e nos fixos descontinuos increméntase un 50%. "Esta última modalidade de contratación indefinida non é máis que agochar contratación eventual baixo o eufemismo de fixo descontinuo", denuncia.

Pola súa banda, Comisións Obreiras (CCOO) salienta a mellora da contratación indefinida en Galicia "como consecuencia do acordo de reforma laboral pactado polos axentes sociais e o Goberno do Estado", afirmou Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO. Os datos do paro rexistrado do mes de xaneiro revelan un cambio de tendencia e amosan unha suba do 65 % nos contratos indefinidos, ao tempo que os temporais diminúen un 9,8 %. 

Con todo, esta mellora da contratación indefinida non consegue remontar en termos xerais o número de contratos formalizados, debido ao gran peso que aínda teñen os temporais sobre o total. En xaneiro fixéronse 70 942 contratos en Galicia (un 2,7 % menos que en decembro), dos cales o 90,54 % son temporais. En total rexistráronse 59 531 temporais por 11 411 indefinidos.

 

 

 

Arquivado en