O paro cae en Pontevedra por quinto mes consecutivo e sitúa en 5.288 o número de desempregados

Pontevedra
02 de xuño 2021

No conxunto da provincia de Pontevedra, o paro rexistrado en maio descendeu en 2.052 persoas, o que sitúa en 64.068 o total de desempregados. É un 3,1% menos que en abril, segundo os datos que publicou o Ministerio de Traballo e Economía Social

Traballadores da construción en Pontevedra Isabel Feijóo

Maio volveu a ser un bo mes para as cifras de desemprego. A cidade de Pontevedra rexistrou un descenso do paro entre os seus habitantes. En concreto, 184 persoas deixaron de figurar como demandantes de emprego, segundo a Consellería de Emprego e Igualdade.

Este novo descenso, o quinto consecutivo, provoca que o número de desempregados en Pontevedra caese ata os 5.288, un 3,36% menos dos que buscaban traballo en abril.

En termos interanuais, a baixada do paro é máis acusada. En maio de 2020 había 6.328 parados na  Boa Vila, é dicir, 1.040 persoas máis (+16,43%).

A maior parte dos pontevedreses que atoparon emprego en maio fixérono no sector servizos (134), onde hai aínda 3.900 parados. Tamén rexistran descensos a industria (34) ata un total de 501 e a construción (11), onde hai 403 desempregados.

Máis tímida é a caída na agricultura (5), con 109 demandantes de emprego; mentres que se mantén sen cambios entre o colectivo de persoas sen emprego anterior, con 375 parados.

 

Na área de influencia de Pontevedra, a caída do desemprego foi case total. A única excepción foi Portas, onde creceu en sete o número de parados. Os maiores descensos, como é habitual nesta época do ano, rexístranse nos municipios turísticos.

Así, O Grove (-128), Sanxenxo (-100), Vilagarcía (-82), Marín (-69), Cerdedo-Cotobade (-40), Caldas de Reis (-39), Poio (-37), Meaño (-37) ou Cambados (-29) son os municipios con mellor comportamento no último mes.

 

No conxunto da provincia de Pontevedra, o paro rexistrado en maio descendeu en 2.052 persoas, o que sitúa en 64.068 o total de desempregados. É un 3,1% menos que en abril, segundo os datos que publicou o Ministerio de Traballo e Economía Social.

Hai xusto un ano, 75.094 pontevedreses figuraban nas listas do paro. É dicir, 11.026 persoas máis que na actualidade. O descenso interanual é dun 14,7%.

No capítulo de contratacións, maio pechou con 28.009 contratos novos. Deles, tan só 2.224, un 7,94%, foron de carácter indefinido. A provincia de Pontevedra conta con 354.354 afiliados á Seguridade Social. Son 2.945 (0,83%) máis que en abril.

Ademais, ao 31 de maio continuaban activos 3.038 expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), nos que están incluídos 7.741 traballadores.

DATOS DE GALICIA E ESPAÑA

O paro baixou en 5.472 persoas en maio en Galicia, un 3,2%. Os galegos que figuran nas listas dos servizos públicos de emprego son 165.306.

En comparación con maio de 2020, o desemprego caeu un 13,49%, o que se traduce en 25.776 persoas menos nos rexistros oficiais.

Pola súa banda, o paro en España descendeu en 129.378 persoas (-3,31%) en maio con respecto a abril. É a maior baixada da serie histórica neste mes, segundo destacan desde o Ministerio de Traballo e Economía Social. É dicir, polo menos desde o ano 1996.

Desta maneira, o paro rexistrado sitúase en 3.781.250 persoas.

Tamén descende o desemprego en termos interanuais, respecto a maio de 2020, en 76.526 persoas (-1,98%).

Arquivado en