O orzamento municipal agarda polas emendas do resto da corporación

Pontevedra
29 de novembro 2018

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra, reunida con carácter extraordinario, aprobou o proxecto de orzamentos municipais para o ano 2019 e este xoves deu conta ao resto de grupos políticos na Comisión de Economía

Raimundo González, edil de Facenda Paula Sanmartín

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra, reunida con carácter extraordinario, aprobou o proxecto de orzamentos municipais para o ano 2019 e este xoves deu conta ao resto de grupos políticos na Comisión de Economía.

O vindeiro mércores 5 de decembro a comisión municipal de Economía abordará a presentación de emendas ao orzamento e o luns 10 someterase a ditame para poder levalo ao Pleno convocado para o venres 14 de decembro.

O goberno do BNG resolverá o trámite sen problemas ao anunciar a súa abstención os concelleiros do Partido Socialista e os de Marea Pontevedra.

O orzamento elévase ata os 76,6 millóns de euros o que o converte en "o máis cuantioso da historia", segundo sinalou o concelleiro de Facenda e portavoz do goberno local do BNG, Raimundo González, xa que sobe con respecto ao anterior nun 2%, preto de millón e medio de euros.

"Recolle demandas dos grupos políticos e das federacións veciñais, é un orzamento expansivo, investidor e ten unha tremenda carga social", valorou o portavoz municipal.

En concreto o capítulo destinado a Persoal son 23,3 millóns de euros que sobe con respecto ao pasado exercicio ao contemplar a subida salarial acordada polo ministro de Facenda Cristóbal Montoro cos sindicatos. Inclúense nesta partida a incorporación de 4 traballadores vinculados á xestión das axudas europeas EDUSI, tamén 4 mestres composteiros e outros dous traballadores para o seguimento da RISGA. A petición do Partido Socialista incrementouse esta partida en 300.000 euros ante a futura relación de postos de traballo.

Respecto ao gasto corrente o orzamento destina 33,9 millóns de euros, o que supón unha subida de dous millóns de euros ao asignarse a este capítulo algunha serie de gastos do os programas europeos da estratexia EDUSI como son o fomento do comercio comerciante polo miúdo, a dinamización do mercado de abastos ou unha asistencia técnica.

Tamén se incrementa en 300.000 euros a cantidade reservada para o servizo de axuda no fogar e faise unha reserva de diñeiro en previsión dunha hipotética indemnización de 460.000 euros se queda deserta a adxudicación do aparcadoiro subterráneo de Veteris.

Raimundo González destacou que a débeda municipal é un dos capítulos que "baixa de maneira significativa" no orzamento para 2019 ante a redución dos intereses e da amortización de capital. A día de hoxe a débeda municipal sitúase en 12 millóns de euros que lle sitúa no 17,7% respecto ao teito de gasto que está no 75%. "Co que hai de aforro poderiamos pagase toda a débeda co aforro do ano que vén, outra cousa é que non nos compense", comentou o edil nacionalista.

O capítulo de investimentos ten previstos 12,5 millóns de euros repartidos en obras tan singulares como a reforma da ponte do Burgo, a humanización da rúa Loureiro Crespo ou a construción do pavillón da Parda, a mellora do barrio de Mollabao ou do acceso a Monte Porreiro, entre outras obras proxectadas.

"Iso non é nada comparado co que teñen que investir as diferentes concesionarias municipais", lembrou Raimundo González en referencia aos 58 millóns de euros en obras de saneamento que ten que executar Viaqua pola adxudicación do contrato da auga ou os 5 millóns que ten que executar a adxudicataria da piscina de Campolongo.

"E todo este orzamento coas taxas e os impostos conxelados desde hai cinco anos" presumiu o concelleiro de Facenda. Ademais Raimundo González lembrou que os ingresos foron calculados "cun criterio conservador" á espera do que ocorra cos Orzamentos Xerais do Estado.

"Son uns orzamentos estupendos", concluíu.