O número de ausencias de facultativos nos PAC da área sanitaria de Pontevedra é o máis elevado de Galicia

Pontevedra
10 de novembro 2022

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, sinalou que están facendo un esforzo ante a falta de especialistas en medicina comunitaria para garantir a atención sanitaria. Tamén trasladou ao Concello de Caldas, que decidiu asumir os gastos de asistencia médica pola deficiencia de persoal nos PAC, que agarda que non dea aos pacientes  unha "atención peor á que se nos esixe a nós"

O xerente da área sanitaria co conselleiro de Sanidade e coa xefa do servizo de Cardioloxía do Hospital Montecelo PontevedraViva

Por unanimidade o pleno de Caldas acordaba este martes que o Concello asumise os gastos sanitarios dos seus veciños ante a continua falta de médicos no PAC de Caldas. Nesta decisión inclúense tanto os gastos de desprazamento a outros centros como as tarifas en caso de acudir a consultas privadas no propio municipio e a medicación que se lles receite aos pacientes censados en Caldas.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, que visitaba este mércores o Hospital Montecelo, quixo manifestar o máximo respecto a esa decisión do pleno da corporación de Caldas pero mantivo que a situación nos PACs da área sanitaria se debe á falta de especialistas en medicina comunitaria e que se está traballando para cubrir esas ausencias. "Cando hai cero médicos na lista de contratación, a situación é a que é", lamentouse. 

Lembrou ao Concello de Caldas que o titular na creación de prazas de medicina familiar e comunitaria é o Ministerio de Sanidade e convidou o goberno local a trasladar esa demanda aos responsables desa carteira. García Comesaña tamén realizou unha petición: "espero que o Concello non dea aos pacientes de Caldas unha atención peor á que se nos esixe a nós. Nós non cubrimos as prazas porque non hai médicos especialistas en medicina comunitaria. Espero que non se cambie ese criterio, que nós non podemos cumprir. Se eles poden, alégrome", advertiu.

AUSENCIAS NOS PAC

O conselleiro recoñeceu que a área pontevedresa é onde ten centralizado o maior número de problemas e agradeceu aos profesionais o traballo que realizan para cubrir moitos días de atención continuada nos PAC. "o número de ausencias é máis alto que no resto de áreas". 

Recoñeceu que estas ausencias se deben a peticións de vacacións, incapacidades laborais motivadas e vacantes que se rexistraron nos Puntos de Atención Continuada coa incorporación dos novos facultativos a centros de saúde. Indicou que se está tentando facer máis atractivas as prazas para os profesionais e a convocatoria que se fixo de facultativos xa establecía dous gardas de PAC por cada incorporación. Tamén sinalou que das 15 novas prazas que se convocarán, "algunha máis" será para Pontevedra coa incorporación tamén de máis quendas de garda nos PAC.

A intención desde a Consellería de Sanidade é non pechar os PAC. Lembrou que, se faltan médicos, permanece persoal de enfermería nestes espazos con reforzos, mantendo contacto permanente co persoal do 061 e con toda a rede de transporte e atención urxente engraxada para cada caso que poida rexistrarse. "Non imos pechar ningún PAC nin a reordenar. Iso déixoo á Plataforma en Defensa da Sanidade que xa o plantexou".

REUNIÓN DO XERENTE CON PERSOAL DE ENFERMERÍA DOS PAC

Nesta mesma liña, José Flores Arias, xerente da área sanitaria, tamén mantiña durante esta xornada unha reunión con persoal de enfermería dos PACs e con representantes sindicais para coñecer as necesidades e ofrecer solucións.

José Flores, xerente da área sanitaria: "Non pretendemos substituír médicos por enfermeiros"

No encontro decidíase establecer un plan de formación específico nas emerxencias para o persoal de enfermería para os casos en que se atopen sen acompañamento de médicos #ante unha urxencia. Ademais elaborarase un protocolo para que teñan seguridade laboral e respaldo legal. 

"Non pretendemos substituír médicos por enfermeiros", explicou José Flores "pero queremos aproveitar todas as competencias de enfermería, que son máis das que se utilizan na Atención Primaria".

Indicou que tamén está en marcha un plan de continxencia con motivo do incremento de gripes e infeccións respiratorias tanto no servizo de Urxencias de Montecelo como no de Pediatría, no Hospital Provincial. 

Sinalou que existe un reforzo de profesionais en Montecelo mentres que en Pediatría xa se habilitou o espazo de consultas para xinecoloxía co obxectivo de que sexan utilziadas para urxencias pediátricas.

Neste sentido, o conselleiro de Sanidade lembrou a importancia de administrar a vacina da gripe entre a poboación infantil: "coa vacina pretendemos protexer aos nenos da enfermidade grave e que non transmitan a gripe a maiores". Engadiu que se están detectando virus respiratorios en menores de menos de dous anos, que non conviviran coa gripe nin con outro tipo de virus previamente.