O goberno municipal de Marín está a ultimar un dos proxectos estrela que presentou á estratexia dos fondos DUSI Marín 2020. Trátase da remodelación do paseo Alcalde Blanco e a reordenación dos espazos portuarios que foron cedidos ao Concello na contorna da Praza de España.
O obxectivo, segundo o Concello, é finalizar o propio paseo que está inconcluso na súa punta e que se proxecta mellorar para intensificar o seu uso, instalar espazos de esparexemento para aproveitar as súas potencialidades e apostar por unha maior integración do centro urbano co mar, que potencie este gran espazo de paseo, lecer e goce.
Os técnicos municipais están a terminar de definir a remodelación, que servirá como base para ir licitando os proxectos de obra que sexan necesarios.
Máis espazos verdes pegados ao mar, espazos infantís mellorados e con posibilidades de máis zonas de lecer e de esparexemento son os eixos sobre os que se traballar, para tratar de sacarlle máis partido a este espazo e que se potencie a súa utilización e atractivo.
Ademais, trabállase en paralelo nunha reordenación de todos os espazos portuarios que foron cedidos para uso público, tratando de compatibilizar a construción do futuro centro cultural, espazos para aparcar e zonas de paseo e esparexemento.
A apertura deste espazo e a súa comunicación co mar presenta, segundo o Concello, a oportunidade de darlle á contorna urbana unha maior conectividade entre a cidade e este ámbito, de forma que mellore a calidade de vida dos veciños, a contorna natural e dotar de máis contido a este gran espazo de paseo.
Ao longo das próximas semanas, procederase á súa tramitación e á petición de informes para poder proceder á súa licitación en canto Facenda libere os fondos.