O novo parque natural da Parda superará os 35.000 metros cadrados e custará máis de 4 millóns de euros

Pontevedra
21 de febreiro 2023

Para o alcalde será a obra máis importante deste ámbito "despois da que se fixo no século XX na Alameda e o parque de As Palmeiras"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra PontevedraViva

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou a actuación prevista para o novo parque natural da Parda que superará os 35.000 metros cadrados e custará máis de 4 millóns de euros. 

Para o alcalde será a obra máis importante deste ámbito "despois da que se fixo no século XX na Alameda e o parque de As Palmeiras".

O Concello aínda non decidiu se a execución deste proxecto acometerase de maneira independente ou se se fará paralelamente á construción do pavillón deportivo.

"É unha actuación que a min, persoalmente, ilusióname moito", admitiu Lores.

A creación deste parque natural na Parda permitirá dispoñer dunha área de esparexemento con zona de paseo, de estancia, un parque infantil da natureza, con tirolesas e tobogáns, xogos urbanos ao aire libre, o que "aumenta moitísimo a calidade de vida", resaltou o alcalde. 

"Vai ser un parque urbano que nos permitirá conectar toda a zona da Parda a través de Entrevías e Otero Pedrayo co parque do Gafos, dunha maneira natural", explicou Lores.

Como elemento singular, habilitarase un leito fluvial para canalizar os mananciais da zona co río Gafos.

Segundo anunciou o alcalde de Pontevedra nunha rolda de prensa, o proxecto xa se atopa en fase de execución aínda que se segue negociando con varios propietarios particulares para engadir máis terreos para os accesos ao parque e as zonas habilitadas para aparcamento, que darían tamén servizo aos xulgados e ao pavillón.

"Son sobre 900 metros o que temos negociado. Hai unha parcela máis que tentaremos chegar a un acordo, que quedaría entre eses accesos e os xulgados", explicou.