O novo local municipal de Ferreiros estará en obras en febreiro

Pontevedra
22 de xaneiro 2019

Ata seis ofertas, dúas delas presentadas por unha unión temporal de empresas, optan a acondicionar o local que o Concello adquiriu na rúa dos Ferreiros, que estará destinado a acoller os servizos municipais de Urbanismo e Tesourería. A previsión é que as obras poidan comezar ao longo do mes de febreiro

Local da rúa dos Ferreiros que comprou o Concello Mónica Patxot

Ata seis ofertas, dúas delas presentadas por unha unión temporal de empresas, optan a acondicionar o local que o Concello adquiriu na rúa dos Ferreiros, que estará destinado a acoller os servizos municipais de Urbanismo e Tesourería. A previsión é que as obras poidan comezar ao longo do mes de febreiro.

Presentaron oferta GPD, a UTE San Emeterio-Prace, Oresa, Construcciones Pérez Abilleira, Civisglobal e a UTE Ramírez-E.C.Casas

O proxecto sae a licitación por 1.152.000 euros para reformar unha superficie de 1.328 metros cadrados distribuídos en dúas plantas: unha de 600 metros e outra de 728.

Estas dependencias acollerán a 70 funcionarios das áreas de Urbanismo (disciplina urbanística, medio ambiente e policía administrativa, oficina técnica de licenzas e inspección, oficina técnica de rehabilitación, servizo de urbanismo, planeamento e patrimonio) e Tesourería (tesourería, xestión tributaria, contratación tributaria, tributos e inspección).

Trinta postos estarán na planta baixa, destinada á xestión tributaria, e corenta situaranse na primeira con urbanismo, todos eles distribuídos por áreas e por departamentos.

O investimento da remodelación inclúe todos os servizos, domótica, videovixilancia, mobles fixos ou arquivos, así como unha reforma interior pensada para aforrar ata un 50% dos consumos de enerxía habituais nas oficinas deste tipo.

OUTRAS CONTRATACIÓNS

Ademais, a mesa de contratación adxudicou á empresa Acuntia a renovación electrónica en rede das dependencias municipais por 76.485,98 euros e á empresa Zurich, a única compañía que se presentou, o seguro de responsabilidade civil do Concello.