O novo goberno local de Cuntis estrutúrase arredor de catro áreas competenciais

Umia
19 de xuño 2019

Unha vez que Manuel Campos tomou posesión como alcalde do Concello de Cuntis, amparado na maioría absoluta lograda nas eleccións municipais do 26 de maio, este martes aprobouse a composición do novo Executivo, no que Concepción Campos Fernández será primeira tenente de alcalde e portavoz do Goberno

Casa do Concello de Cuntis Mónica Patxot

Unha vez que Manuel Campos tomou posesión como alcalde do Concello de Cuntis, amparado na maioría absoluta lograda nas eleccións municipais do 26 de maio, este martes aprobouse a composición do novo executivo, no que Concepción Campos Fernández será primeira tenente de alcalde e portavoz do goberno.

Martín Álvarez Domínguez será o adxunto á portavocía e Ana María Loureiro Fuentes, segunda tenente de alcalde. A comisión de goberno integrarana eles catro e un quinto integrante, José Manuel Lema Márquez.

Este martes tamén se acordou a distribución de responsabilidades dentro deste executivo en solitario do PSdeG-PSOE, que contará con catro áreas de traballo diferenciadas. O delegado ou delegada de cada área ostentará a presidencia da comisión correspondente, coordinará o departamento e distribuirá as tarefas de traballo e outros dous edís socialistas compartirán delegación.

Manuel Campos asumirá as áreas de Contas e Facenda, Persoal, Urbanismo, Contratación, Servizos, Medio Rural, Seguridade Cidadá, Emerxencias, Promoción Económica e Emprego. Tamén estarán adscritos a esta comisión Antonio Fontenla Torres e Martín Álvarez Domínguez.

Concepción Campos Fernández, ademais de primeira tenente de alcalde e voceira, será concelleira de Cultura e Educación. Na comisión informativa desta área tamén estarán José Fernández Treviño e José Manuel Lema Márquez.

Ana Loureiro Fuentes será a concelleira delegada de Servizos Sociais, Igualdade e Xustiza e tamén formarán parte da comisión informativa específica desta materia Concepción Campos Fernández e José Fernández Treviño.

A concellería de Turismo, Patrimonio e Medio Ambiente será para Martín Álvarez Domingúez e tamén se integrarán na comisión informativa correspondente Concepción Campos Fernández e José Fernández Treviño.

Tendo en conta o resultado obtido nas eleccións municipais, e a representación dos distintos grupos políticos, o novo goberno local de Cuntis acordou que cada comisión informativa terá cinco membros, tres do PSOE, un do PP e un de Veciñanza.

As catro comisións informativas serán, correspondéndose coa organización do novo goberno: Comisión Informativa Especial de Contas e Facenda, Persoal, Urbanismo, Contratación, Servizos, Medio Rural, Seguridade Cidadá, Emerxencias, Promoción Económica e Emprego; Servizos Sociais, Igualdade e Xustiza; Cultura, Deportes, Educación e Innovación Tecnolóxica; e Turismo, Patrimonio e Medio Ambiente.

As atribucións ou competencias das comisións informativas consisten no estudio, consulta ou informe dos asuntos que deban ser sometidos á decisión do pleno, sendo seus informes ou ditames preceptivos pero non vinculantes. A Xunta de Goberno local e a Alcaldía poderán requirir o informe das comisións informativas permanentes, como trámite previo á adopción de calquera acordo.