O Concello de Pontevedra esixirá no seu novo contrato de xestión de residuos, aprobado recentemente, a renovación total dos contedores de lixo, tanto no ámbito urbano como no rural.
Así o explica o goberno local, que cifra en 4.285 o número de novos contedores que serán colocados, cun investimento total de 3.277.815 euros.
Unha das novidades será a colocación de espazos para a recollida de pilas usadas, xunto aos contedores habituais de envases, papel-cartón, vidro, residuos orgánicos e para o resto de residuos. Completarase a infraestrutura cos composteiros individuais e colectivos e coa recollida de residuos especiais como voluminosos ou domésticos.
Este investimento é unha proposta municipal pero "o licitador poderá realizar unha proposta diferente que puidese redundar nunha maior calidade e eficiencia do servizo", recolle o contrato.
Os contedores, explica o Concello, cumprirán a normativa vixente sendo accesibles para persoas con mobilidade reducida e sendo de fácil manexo, e incidirase ademais no seu mantemento e limpeza, xa que a futura empresa concesioaria do servizo deberá facerse cargo do seu lavado, desodorización e desinfección, así como a súa reposición ou reforzo en caso de ser necesario e da limpeza da zona de influencia na que estean colocados.
Ademais un dos propósitos do novo documento que regulará a recollida de residuos será elaborar unha base de datos actualizada sobre a localización deste mobiliario urbano, polo que cada contedor e composteiro deberá estar identificado de forma individual cun sistema de localización por radiofrecuencia. A través dese chip rexistraranse tamén as limpezas e desinfeccións realizadas.