A construción do novo campo de fútbol da parroquia de Salcedo estará rematada antes de que finalice o ano, segundo o prazo que fixou o Concello de Pontevedra.
A empresa Prace Servizos e Obras está a executar este proxecto orzado en 1.959.886,16 euros.
Este venres o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez visitaron esta obras do que será "algo máis que equipamento deportivo, sendo tamén un punto de convivencia e encontro para a parroquia", segundo comentou o rexedor.
Ambos os políticos estiveron acompañados durante esta visita por representantes da Comunidade de Montes e da Sociedade Cultural Deportiva de Salcedo.
A día de hoxe, o campo xa ten instalado o céspede artificial que pisarán os xogadores do Salcedo "equipo de fútbol histórico dentro do municipio".
Lores considera que a creación deste campo vén saldar unha débeda para coa parroquia e lembrou que este foi "un proxecto moi difícil de sacar adiante", pois ao longo da súa planificación "xurdiron distintos problemas" coa localización primeira, logo de deseño do mesmo campo, despois de tramitación "sexa como for, hoxe é un día de alegría e celebración", resolveu o rexedor.
O alcalde agradeceu á Deputación a firma do convenio para cofinanciar o proxecto e tamén aos comuneiros que cederon os seus terreos para que isto sexa unha realidade. "Hai unha comunicación excelente e fluída entre todas as partes", sinalou o alcalde respecto a a administración provincial.
O vicepresidente Rafa Domínguez engadiu que "a Deputación aposta polo deporte e por Pontevedra, e este é un exemplo máis de tantas obras que estamos a facer na cidade".
Domínguez tamén expresou o agradecemento ao alcalde de Pontevedra "pola boa disposición e colaboración que estamos a ter, que redunda en que as administracións traballemos xuntas para que as obras sexan unha realidade a pesar das enormes dificultades que houbo na tramitación".
Grazas a esta "lealdade institucional", engadiu o vicepresidente, "dentro duns meses os mozos estarán a xogar no campo de Salcedo, tan desexado por todos".