O novo auditorio do Grove terá ascensor de acceso e custará menos do previsto

O Salnés
24 de outubro 2018

O goberno municipal do Grove adxudicou as obras de construción do novo auditorio que se situará no Monte da Vila. A UTE Xestión Ambiental Prace será a empresa que se faga cargo destas obras, tras presentar a mellor oferta

Recreación da fachada exterior do auditorio do Grove Concello do Grove

O goberno municipal do Grove adxudicou as obras de construción do novo auditorio que se situará no Monte da Vila. A UTE Xestión Ambiental Prace será a empresa que se faga cargo destas obras, tras presentar a mellor oferta.

As sete ofertas presentadas no concurso foron valoradas dende tres parámetros: oferta económica, proposta técnica e melloras aportadas.

O Concello destaca que a UTE gañadora presentou unha oferta que supón unha redución de 150.000 euros sobre o orzamento inicial, que estaba establecido en 3.500.000 euros sen IVE, sendo, polo tanto, adxudicada a construción por 3.350.000 euros.

A empresa, ademais, aporta un prazo de garantía de 36 meses e xunto coa rebaixa económica, presentou como melloras a construción do ascensor exterior de acceso, a achega do mobiliario preciso para o auditorio e a escola de música e incluso o equipamento completo de instrumentos musicais.

Ademais da adxudicación da obra, o Concello tamén puxo en marcha o proceso de contratación da dirección de obra e a coordinación de seguridade e saúde, cuestións ambas para os que se abre un prazo de 10 días.

Deste xeito, o goberno municipal confía en que dentro de aproximadamente quince días poderase iniciar o replanteo para o inicio das obras.