Esta semana remataron as obras para a habilitación dun novo aparcadoiro disuasorio que tramitou o Concello nunha parcela da rúa Jaime Janer, que dará servizo a toda a zona, sumando ao actual espazo público adicado a estacionamento unhas 50 novas prazas. A próxima semana, unicamente faltará rematar co adecentamento da entrada para os vehículos.
Ademais, o goberno local está a traballar no proxecto de instalación dunha pasarela peonil de madeira no río Lameira, que permita unir o novo aparcadoiro coa zona do Pavillón e o CEP Sequelo, xa que na actualidade non existe ningún paso que permita cruzar.
Actualmente, existe unha senda peonil ao longo dun tramo deste río, que recorre o pavillón do CEP Sequelo e outras edificacións, así como as hortas urbanas.
Segundo se detalla na memoria encargada polo Concello, coa pasarela peonil podería accederse directamente desde o aparcadoiro até o pavillón, o centro educativo e as hortas de xeito directo, evitando dar toda a volta e mellorando así as conexións de mobilidade nesta zona tan transitada.
O Concello está pendente de que Augas de Galicia lle dea permiso para a instalación deste paso peonil.