Cáritas está decidida a mellorar substancialmente os servizos que presta en Pontevedra a persoas en situación de exclusión social. Será coa construción dun novo albergue na cidade, proxecto que conta cun orzamento de case un millón de euros.
Para poder financiar este inmoble, a ONG porá en marcha un sistema de crowdfunding para que os cidadáns poidan achegar a súa colaboración. Ademais, agardan contar co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Pontevedra.
A este respecto, o novo edil de Benestar Social, Marcos Rey, avanzou que o goberno municipal estudará ampliar, de cara os orzamentos de 2021, o convenio con Cáritas, situado nestes momentos nuns 31.000 euros anuais.
"Queremos ver ata onde podemos chegar economicamente e tratar de melloralo para adaptalo ás súas necesidades", explicou o concelleiro socialista.
Deste xeito, o Concello busca contribuír a impulsar o proxecto do futuro albergue que Cáritas construirá na rúa Joaquín Costa e, ao mesmo tempo, garantir o servizo da vivenda transitoria para familias necesitadas que a entidade ten no barrio da Seca.
O novo albergue de Pontevedra foi presentado ao responsable de Benestar Social por parte do director de Cáritas Diocesana, José Anuncio Mouriño, a secretaria de Pontevedra, Mariló Virel, e o arquitecto Alberto Escobar, autor do proxecto.
Para José Anuncio Mouriño este é un proxecto "ilusionante", que permitirá trasladar o albergue que está en Monte Porreiro ao edificio de servizos xerais en Joaquín Costa, "transformándoo nun centro de día oficial para as persoas que están na rúa".
Cáritas contará neste albergue con vinte habitacións para homes e seis para mulleres no primeiro andar. Terá ademais un centro de formación que permita que os usuarios "acaden un traballo que lles permita vivir con dignidade", engadiu o director da entidade.
A actuación contempla, na súa última fase, a dotación dunhas vivendas de transición para persoas que estean na rúa e queiran rehabilitarse, que estarán no segundo andar do inmoble.