O nomeamento do colexio Daría González reúne á súa familia nunha emotiva homenaxe

Pontevedra
17 de xuño 2020

O pasado 2 de xuño facíase efectivo o cambio de nome do colexio de Educación Infantil e Primaria Príncipe Felipe á nova denominación como colexio de Educación Infantil e Primaria Daría González García. Para celebralo, a presidenta da Deputación recibía ao fillo de Daría, Tuco Cerviño, e a dous dos seus netos

Homenaxe na Deputación a Daría González, coa presenza da súa familia Deputación de Pontevedra

O pasado 2 de xuño facíase efectivo o cambio de nome do colexio de Educación Infantil e Primaria Príncipe Felipe á nova denominación como colexio de Educación Infantil e Primaria Daría González García.

Este centro educativo atópase nas instalacións da Cidade Príncipe Felipe, da Deputación de Pontevedra. Por este motivo, o organismo provincial foi o escenario dunha emotiva homenaxe na que a presidenta Carmela Silva, acompañada pola deputada Noemí Outeda, recibía no Pazo Provincial á familia da recoñecida mestra pontevedresa.

Lembranzas e vivencias familiares "desta muller imparable", como a definiu Carmela Silva, protagonizaron un encontro cheo de emoción, no que as bágoas asomaron máis dunha vez, e ao que acudiron o fillo de Daría, Tuco Cerviño, e dous dos seus netos. Na recepción tamén estiveron Elvira García Sumay, a directora do CEIP Daría González, e Manuel García Cendón, o director Centro Príncipe Felipe.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo destacar que "nomear un centro educativo cun nome de muller sempre ten unha enorme relevancia política, social e de construción dun mundo diferente, pero facelo co nome de Daría González é unha honra para toda a provincia e para a Deputación moi particularmente". Carmela Silva recordou que a insigne mestra estivo moi vinculada ao Museo de Pontevedra, e subliñou a súa traxectoria vital e profesional comprometida coa democracia e co progresismo. A presidenta provincial amosou a súa ledicia por poder reunirse co fillo es cos netos de Daría, "algo que para mi ten un enorme valor porque a familia é sempre un núcleo fundamental de transmisión do que herdamos. Os seus netos referendan o poderío de Daría", sinalou.

O fillo de Daría González, Tuco Cerviño, falou en nome da familia. Moi emocionado subliñou que a súa nai foi unha muller moi consciente dos dereitos das mulleres e da igualdade, e lembrou o seu sentido de servizo coa política e coa democracia, o seu compromiso coa lingua galega e o seu grande amor a Galicia e, en especial, á cidade de Pontevedra. Tamén salientou a "enorme vocación polo ensino e o gran amor que tiña polos seus alumnos e alumnas, aínda que era unha mestra esixente, non era fácil aprobar con ela, había que esforzarse". Cerviño destacou tamén o agarimo especial da súa nai por aqueles estudantes de bacharelato nocturno debido ao esforzo que facían por dedicar o seu tempo a estudar despois de longas xornadas de traballo. Pola súa parte, os netos de Daría lembraron o seu lado máis persoal contado anécdotas vividas coa súa avoa, as súas charlas con ela, as comidas familiares e o moito que a botaban de menos.

A directora do CEIP Daría García falou no nome do centro e afirmou que a figura de Daría González cumpría todas as expectativas que o claustro, que foi quen tivo a idea deste cambio de nome, estaba buscando. A directora agradeceu á Deputación de Pontevedra a súa axuda neste proceso e comentou que pouco a pouco darase a coñecer a figura da galeguista entre o alumnado do centro.

 

DARÍA GONZÁLEZ GARCÍA

Daría González García (1916–1999) forma parte da historia de Pontevedra e así se destacaba na biografía incluída no proxecto ‘Do gris ao violeta’ e que se pode consultar na web: www.dogrisaovioleta.gal e nos programas ‘Do gris ao violeta’ en PontevedraViva Radio.

Entre outros datos, apúntase a súa pertenza a unha familia pontevedresa, republicana e progresista. Licenciouse en Filosofía e Letras, sección de Historia, na Universidade de Santiago en 1935. Militou no Partido Galeguista desde 1932 ata 1983 e por causa dos antecedentes políticos non puido participar nas oposicións de adxunto de Instituto. Presentouse á Administración do Estado, formou parte da primeira promoción de mulleres Técnico Civil e adscribouse á Inspección de Traballo de Pontevedra. Cursou os estudos de Maxisterio e graduouse en 1949.

Casada con Francisco Cerviño Xesteira, avogado republicano, participou en 1950 na fundación do Colexio da Inmaculada, onde impartiu docencia até 1954. Logo exerceu como ensinante nos institutos de Marín e de Pontevedra.

Nas primeiras elección democráticas, foi elixida concelleira por Unidade Galega e desempeñou o cargo de tenente de alcalde de Cultura entre 1980 e 1983.

Foi socia protectora do Seminario de Estudos Galegos, fundadora da Fundación Alexandre Bóveda, integrante da Fundación Castelao e vinculada ao Museo de Pontevedra. Nos seus últimos anos, recibe os premios Cidade de Pontevedra e Amigos de Pontevedra, polo seu compromiso coa cidade e con Galicia.