"O negacionismo crece porque cada vez se senten máis fortes. Hai un discurso político que os lexitima"

Pontevedra
15 de outubro 2021

No I Encontro Nacional de Políticas Públicas están a participar unha vintena de expertas de diferentes eidos sociais, con diferentes intervencións e mesas de debate marcadas pola denuncia, a reivindicación e as presentación de iniciativas en favor da igualdade en todos os ámbitos públicos

Mesa sobre comunicación no I Encontro Nacional de Políticas Públicas Deputación de Pontevedra

A realidade dos medios informativos en materia de igualdade foi un dos temas que se debateu na primeira xornada do I Encontro Nacional de Políticas Públicas que, organizado pola Deputación de Pontevedra, se está a celebrar na Escola María Vinyals, no castelo de Soutomaior.

Nela están a participar unha vintena de expertas de diferentes eidos sociais, con diferentes intervencións e mesas de debate marcadas pola denuncia, a reivindicación e as presentación de iniciativas en favor da igualdade en todos os ámbitos públicos.

Unha das mesas que máis interese espertou foi a dedicada á desigualdade na información, na que participaron a xornalista Ana Bernal Triviño; María Xosé Porteiro, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega; e Emelina Fernández, ex presidenta do Consello Audiovisual de Andalucía.

A primeira delas subliñou que para convencer á cidadanía da necesidade de impulsar políticas de igualdade precísase aos medios de comunicación porque "son os que xeran a opinión pública e logran convencer de que estas políticas son necesarias".

Remarcou que é normal que unha importante porcentaxe de mozos pensen que a violencia de xénero non existe ante os "discursos machistas" que saen nos medios de comunicación, polo que incidiu na importancia de combater a desinformación e os bulos.

Bernal Triviño tamén falou de outras cuestións que inciden directamente nas políticas públicas no ámbito da comunicación como o negacionismo, a violencia mediática ou a institucional e a ridiculización do feminismo "contra os que se debe loitar dende dentro e fóra das redaccións".

"O negacionismo crece na sociedade porque cada vez se senten máis fortes, hai un discurso político que os lexitima", dixo a xornalista.

Pola súa banda, Emelina Fernández denunciou que os medios proxectan unha imaxe das mulleres "estereotipada, sexualizada e que non se corresponde coa realidade que vivimos" e isto, apuntou, deriva que a narración do que acontece na sociedade "siga espallando estes estereotipos e que o que acontece ao noso arredor permaneza nesgado polo patriarcado". 

Na súa intervención, María Xosé Porteiro coincidiu na necesidade de "avaliar e regular o que está enchendo de borralla as cabezas de xente nova", e na urxencia de que as mulleres que traballan nos medios "se asocien, se xunten e nos axuden" a impulsar unha axenda feminista na comunicación.

A outra sesión vespertina, dedicada ás políticas públicas municipais, estivo protagonizada pola ex directora do Instituto das Mulleres, Silvia Buabent, e as alcaldesas de Santa Coloma de Gramanet, Tomiño e Meis, Núria Parlon, Sandra González e Marta Giráldez.

As relatoras explicaron os distintos proxectos que desde os seus ámbitos municipais estanse a levar a cabo en defensa da igualdade e para visibilizar ás mulleres.

"O bo da política municipal é que é capaz de poñer ás mulleres no centro de atención", destacou Buabent, que fixo fincapé na necesidade de que as políticas de igualdade municipais estean dotadas de recursos económicos, "porque sen diñeiro non facemos nada".

Núria Parlon explicou o funcionamento da "fábrica da igualdade" no seu municipio, un centro integral onde as mulleres reciben a atención adecuada e aportan ideas para transformar a cidade "o que reverte na mellora da economía da cidade".

As alcaldesas de Tomiño e Meis, as primeiras mulleres en presidir estes concellos, incidiron na dificultade que teñen os municipios de menor tamaño para dispoñer de recursos e abordaron o esforzo que están a levar a cabo para poñer en marcha iniciativas a prol da igualdade.

POLÍTICAS NACIONAIS E AUTONÓMICAS DEBATERON NA QUENDA DE MAÑÁ

A primeira xornada deste encontro arrancaba en horario matinal coa conversa entre Soledad Murillo, ex secretaria de Estado de Igualdade; e Beatriz Gimeno, ex directora do Instituto das Mulleres; que apelaron á necesidade de abordar a igualdade de xeito transversal.

"Hai cuestións que dende as políticas públicas debemos facerlles fronte urxentemente", sinalou Beatriz Gimeno, como "reideoloxizar" o feminismo, as violencias machistas "que seguirán existindo mentres haxa patriarcado" ou analizar e debater sobre as masculinidades, a división sexual do traballo, a feminización da pobreza, a fenda salarial e os "chans pegañentos".

De aí que apostara por "ir máis aló" da lexislación e estudar a forma de levala á práctica.

Soledad Murillo, pola súa banda, defendeu que a transversalidade "non é organizar actos con motivo do 25 de novembro ou do 8 de marzo, senón orzamento e relación de postos de traballo" porque se precisan persoas, funcionarias e técnicas "que entendan esa axenda política como parte fundamental da súa xestión". 

As directoras de Igualdade dos gobernos de Euskadi, Asturias e Navarra, Izaskun Landaina, Nuria Varela e Eva Istúriz, respectivamente, puxeron a continuación o aceno nos riscos de retroceso e falta de consolidación en materia de igualdade.

"Temos que estar alerta porque os dereitos conquistados poden poñerse en perigo", advertiu a responsable do Instituto Vasco da Muller, que engadiu que co avance da ultradereita "están a abrirse debates que críamos superados e se cuestionan dereitos consensuados".

Para a directora do Instituto Navarro para a Igualdade, a axenda política debe estar vinculada coa axenda feminista e defendeu que "hai que volver á orixe" e analizar as causas das desigualdades "que son o patriarcado e a misoxinia, que lonxe de ir a menos vai a máis".

Por último, a directora xeral de Igualdade do goberno asturiano avogou porque a universidade se implique na loita pola igualdade porque "é o gran pozo negro, tanto por  acción como por inacción" porque "aínda non temos ámbito de coñecemento de estudos feministas e iso imprégnao todo porque nos fai ir por detrás sempre".