O Nadal xa ilumina a Boa Vila

Pontevedra
16 de decembro 2022

Barrios e parroquias xa teñen acesa a iluminación de Nadal. Ademáis terán unha programación de seu, que inclúe contacontos, números de maxia e actuacións teatrais 

Iluminación de Nadal en Pontevedra Mónica Patxot

E por fin chegou o día e a Boa Vila xa ten as prazas e as rúas coa iluminación do Nadal en marcha.

Na tarde deste venres 16 de decembro, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto con outros membros da corporación asistiron ao acendido das luces que tanta polémica xeraron este ano, nun acto que contou cun espectáculo de acompañamento da compañía Pablo Méndez Performance.

Tamén abriron as carpas de PonteXogos na Alameda e inaugurouse a Feira de Artesanía e Agasallo PonteNadal, na Praza de España, promovida polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental.

E abriu o Poboado de Nadal da Praza da Ferraría que está a ser a porta de entrada á decoración da cidade do Lérez, un marco ideal para as fotos e para os retratos familiares.

É tempo de Nadal! E a programación feita polo Concello inclúe á animación de rúa como unha constante ao longo das vindeiras datas. 

Dende hoxe e ata o 4 de xaneiro Pontevedra contará cun máis dunha ducia de citas que van desde obradoiros de música a sorpresas para a cativada en forma de apalpadoriños, trasnos ou rondallas polo centro histórico. 

NA véspera da chegada das Súas Maxestades de Oriente, tamén haberá os tradicionais Cantos de Reis, cun percorrido polas prazas da Liberdade, San Xosé, rúa Oliva, Peregrina, Daniel de la Sota, Ferraría e Curros Enríquez.

Así mesmo, os centros culturais do municipio contarán cunha programación de seu que permitirá a todas as parroquias e barrios da cidade contar con algunha cita festiva que anime estas datas, en forma de maxia, teatro e música.

Deste xeito, as actuacións de 'Abordaxe Pirata de Nadal', 'Pedro Volta. Un Mago na Lúa', 'Momentos Máxicos', 'Soño', 'Cantaconto' e 'Cantaxogo' irán distribuíndo e programando entre os centros culturais de Verducido, Monte Porreiro, A Canicouva, Marcón, Ponte Sampaio, Estribela, Lérez, Ponte Muíños, O Salgueiral-Bora, Reiriz-Alba, Tomeza, A Devesa-Alba, O Gorgullón, Santa María de Xeve, Centro Sur, Cons-Mourente, Os Campos-Mourente, Santo André de Xeve, O Burgo, Campañó, Centro Leste e Salcedo.

CABALGATA DE REIS

A Cabalgata de Reis verá ampliado o seu percorrido, ao partir da Avenida de Lugo; desde alí percorrerá Loureiro Crespo e atravesará Benito Corbal, a praza da Peregrina, Michelena, a praza de España e finalizará na Alameda.

Unhas horas antes, o Concello realizará a tradicional recepción oficial no Pazo de Mugartegui aos Reis. Ás 11 horas do 5 de xaneiro, antes de que comecen a súa viaxe por multitude de fogares. 

PONTEXOGOS

O Ponte Xogos 2022 dispón ademais de servizos de gardarroupa (con número de recollida), paraugueiro e aparcadoiro de carriños de bebé (tamén con número de identificación); espazo de lactación e cambio de cueiros (cun calefactor), e mesmo un recuncho con xoguetes destinado aos menores que acudan á Carpa Folerpa acompañando a bebés de 0 a 2 anos.

Terá horario de tarde, de 16:30 a 19:30 horas, entre os días 16 e 22 de decembro (xa que os nenos aínda teñen clases nesta semana); e de mañá e tarde, de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas, do 23 de decembro ao 8 de xaneiro. As carpas só pecharán o 25 de decembro, o 1 de xaneiro, o 5 de xaneiro pola tarde e o 6 de xaneiro (tanto o 24 como o 31 de decembro tamén pecharán un pouquiño máis cedo, ás 19:00 horas).

Para poder acceder ás carpas de Ponte Xogos cada neno menor de 12 anos deberá amosar o tícket dunha compra realizada no comercio local nos meses de decembro e xaneiro, sen establecerse un importe mínimo de gasto (o tícket será selado e non se poderá volver a empregar para acceder de novo).

NADAL XOGOS NO RECINTO FEIRAL

O mesmo requisito, o de amosar un recibo dunha compra efectuada no comercio local, permitirá tamén acceder ao Recinto Feiral entre os días 16 de decembro e 8 de xaneiro, en horario de tarde, de 16:30 a 20:30 horas, para desfrutar da tentadora proposta de Nadal Xogos (o horario será de 16:30 a 18:30 horas os días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, e pechará o 25 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro). 

Un tobogán de xeo xigante, inchables e karts eléctricos serán algúns dos principais atractivos que ofrecerá un Nadal Xogos cheo de obradoiros e actividades e que contará con cunha churrería, Zona Baby e Zona Xuvenil.