O Nadal vívese en Poio con máis de 30 actividades festivas

Poio
05 de decembro 2022

Preto de 30 actividades pensadas para as crianzas e para gozar en familia, animación nas rúas, maxia, contacontos, deporte, música e moitas outras sorpresas, sen esquecer a visita dos Reis Magos, protagonizan o 'Vive o Nadal en Poio!', a programación que a Concellería de Cultura organiza para estas datas

Presentación da programación de 'Vive o Nadal en Poio!' Concello de Poio

Preto de 30 actividades pensadas para as crianzas e para gozar en familia, animación nas rúas, maxia, contacontos, deporte, música e moitas outras sorpresas, sen esquecer a visita dos Reis Magos, protagonizan o 'Vive o Nadal en Poio!', a programación que a Concellería de Cultura organiza para estas datas. 

O alcalde, Luciano Sobral, e a titular da área, Raquel Rodríguez, deron detalle de todas estas iniciativas luns, acompañados da edil de Mocidade, Rosa Fernández, director da Escola de Música e dos Trasnos de Nadal, que animarán as parroquias e os centros educativos do municipio. 

O 11 de decembro será o Concerto de Panxoliñas da Coral de Poio na igrexa de San Salvador, ás 19.00 horas e o domingo 18 terá lugar a tradicional Papanoelada Moteira polas estradas do concello, a cargo do Motoclub A Rosa dos Ventos. E para o luns 19, ás 20.30 horas, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, está programado o concerto da Escola de Música de Poio.

Desde o 26 de decembro e ata o 8 de xaneiro estará funcionando na chaira da Seca a Carpa de Nadal,que  acollerá os obradoiros 'O Nadal na túa man', a exhibición de ximnasia rítmica do Club Saraiba (o venres 30 ás 17.00 horas) o 'Nadal en rodas', o espectáculo musical dos Trastos do Nadal (ás 18.30 horas do mércores 28) ou o espectáculo do Mago Paco (ás 17.30 horas do xoves 29).

Volverán as 'Badaladas de San Martiño', o día 30 de decembro ás 20.00 horas. Unha gran festa para anticiparse á despedida do 2022, na que haberá degustación de rosca e chocolate e se animará á veciñanza a achegarse con instrumentos musicais para vivir unha gran foliada. 

O 5 de xaneiro, como non podería ser doutro xeito, os Reis Magos chegarán a Poio, cunha visita matinal ás parroquias, desde as 11.00 horas, e a recepción na carpa da Seca pola tarde. Neste mesmo espazo da Seca, o sábado 7, haberá a Festa Infantil co DJ Javi Solla, mentres que o domingo 8 a orquestra LaOcaband actuará ás 18.00 horas.