O Museo organiza unhas Xornadas de Educación Patrimonial nas que se mostrarán catorce experiencias prácticas e investigacións

Pontevedra
28 de novembro 2023

A inscrición está aberta ata o próximo luns 4 de decembro, e as xornadas celebraranse os días 14 e 15 do vindeiro mes

Visita escolar ao Museo de Pontevedra Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra pechou o prazo de recepción de pósters para presentar experiencias prácticas e investigacións académicas nas III Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial. 

As propostas recibidas permitirán que, os próximos días 14 e 15 de decembro se expoñan no contexto das xornadas catorce iniciativas prácticas e pescudas académicas relacionadas co tema deste ano: 'Coñecementos compartidos'.

Na sección 'Diálogos ' trataranse traballos relacionados coa reflexión en torno á educación patrimonial; os proxectos educativos sobre patrimonio e comunidade; a conexión entre museos, espazos culturais e centros educativos; a identidade cultural como proceso de construción crítica; e a orientación ética nas actividades educativas sobre o patrimonio.

Recibíronse propostas de Galicia, outros lugares da península e incluso desde outros países, como Brasil. Abordan aspectos tan diferentes como a integración de persoas excluídas a través da creación de monicreques; o legado sociocultural do oficio da costura; os diálogos entre pobos indíxenas e museos, a reinterpretación de monumentos conmemorativos da violencia colonial; ou o papel docente de institucións museísticas.

A inscrición como público ás xornadas está aberta ata o próximo luns 4 de decembro. É gratuíta grazas ao patrocinio da Deputación.

Ata agora xa están inscritas máis de 100 persoas, tanto de museos como de universidades, outros centros educativos e outras institucións interesadas na educación patrimonial, chegadas de Galicia e comunidades como Asturias, Aragón, Navarra, Canarias, Cataluña ou Valencia.

As xornadas están dirixidas por Belén Castro Fernández, coordinadora da Área de Didáctica das Ciencias Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, coa coordinación xeral de Agar Ledo Arias, do Museo de Pontevedra, e coordinación científica de Ana Portela Fontán, da Universitat de Barcelona. 

As conferencias correrán a cargo de Martin Waldmeier, conservador de arte moderna e contemporánea do Zentrum Paul Klee (Berna, Suíza); Javier Bará Temes, catedrático xubilado da Universitat Politècnica de Catalunya; e Chus Martínez, directora do Institute Art Gender Nature FHNW Academy of Arts and Design (Basilea, Suíza).