O Museo e Príncipe Felipe terán puntos de recarga para vehículos eléctricos

Pontevedra
31 de maio 2023

A Deputación recibe outros 400.000 euros de fondos europeos para instalar puntos de recarga para vehículos eléctricos en 9 dos seus edificios

Carga de vehículo eléctrico Concello de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de recibir a confirmación dunha nova achega europea de 395.348 euros do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) que, a través do Programa estatal de incentivos ligados á mobilidade eléctrica “MOVES III”, financiado con fondos Next GenerationEU, permitirá instalar un total de 35 puntos de recarga para vehículos eléctricos en nove edificios da institución provincial. 

A axuda supón o 73% dos 539.805 euros de investimento previsto, de tal maneira que a Deputación só terá que aportar os 144.458 euros restantes para desenvolver o proxecto.

En total, instalaranse seis prazas de recarga de vehículo eléctrico na Cidade Infantil Príncipe Felipe; unha praza no Museo de Pontevedra, catro prazas na Estación Fitopatolóxica Areeiro e outras tantas no Viveiro de Barro e 8 prazas no Parque de Maquinaria de Barro.

Tamén instalarán dúas no Viveiro de Lalín e outras dúas na sede de Vigo e catro tanto no Castelo de Soutomaior como na Finca Mouriscade. 

Segundo o espazo, instalaranse puntos de recarga rápida, de 50 kW de potencia, ou semirrápida, de 22 kW.