O Museo de Pontevedra publica a terceira peza da súa triloxía sobre as escavacións en Santa Clara

Pontevedra
08 de novembro 2022

Na peza fálase da arqueoloxía da arquitectura da construción, na que se identifican tres grandes etapas: medieval, moderna e contemporánea 

Visita aos achados das excavacións arqueolóxicas no convento de Santa Clara Mónica Patxot

O Museo de Pontevedra vén de publicar o terceiro e último vídeo da triloxía do diario de escavacións no convento de Santa Clara.

Nesta peza fálase sobre os traballos que se desenvolveron no eido da arqueoloxía da arquitectura a cargo da coordinadora Rebeca Blanco-Rotea, quen explica que a lectura dos paramentos permite identificar tres grandes etapas de construción do convento: a medieval, a moderna e a contemporánea; e do director da intervención, Rafael Rodríguez, quen expón que xa se remataron os traballos de campo, nos que se abriron 780 metros cadrados.

Blanco Rotea subliña que da fase medieval destacan varias construcións: a conservación dos tres lados do claustro con un modelo de zócalo e piares moi concretos, e tamén edificios feitos en cachotería. Da fase moderna destacan as construcións feitas nos séculos XVI, XVII e XVIII. Da primeira subfase serían salientables a reforma do claustro, ao que se dota de columnas toscanas, e tamén o refectorio con decoracións de pinturas, así como a conversión de ventás orixinais en ventás parladoiro.

Finalmente, o director da escavación Rafael Rodríguez salienta que finalmente se superaron os 700 metros de escavacións proxectadas, chegando aos 780 metros. Destaca que nos últimos días de traballos de campo a actividade centrouse no sector sur do convento, no que se atopou un muro de pedra edificado entre os séculos XIII e XIV, que se define polas súas características saeteiras e polo arco apuntado, que marca un estilo antigo.

Nestes momento os especialistas de Santa Clara están na fase de laboratorio redactando as conclusións, que darán lugar ao estudo que permitirá abrir unha nova etapa na vida do convento.

O vídeo pódese xa visualizar nas redes sociais da Deputación.