O monte pontevedrés, máis rendible en 2021 grazas á alta demanda internacional de piñeiro

Pontevedra
04 de abril 2022

Os propietarios forestais de Pontevedra venderon en 2020 madeira por un importe total de 34 millóns de euros. A facturación polo eucalipto foi case a mesma que no ano anterior, pero en piñeiro medrou por riba do 70%, froito do aumento dos prezos da madeira e dun lixeiro aumento das cortas

Transporte de madeira á fábrica de ENCE

Os propietarios forestais de Pontevedra venderon o ano pasado madeira por un importe total de 34 millóns de euros, dos que 16,5 millóns corresponden ó piñeiro, 16,8 ó eucalipto e 0,8 ás frondosas caducifolias, que máis alá do seu uso para leñas domésticas, continúan a ter un aproveitamento residual para a industria.

Os datos son estimacións da Asociación Forestal de Galicia elaboradas a partir dos datos de cortas da Consellería do Medio Rural e veñen demostrar que o monte galego é "un bo investimento para as familias galegas", ademais de que foi en 2021 máis rendible que o ano anterior. 

Así, a facturación polo eucalipto en Pontevedra no 2021 foi practicamente a mesma que no ano anterior, pero en piñeiro a facturación medrou por riba do 70%, froito do aumento dos prezos da madeira e tamén dun lixeiro aumento das cortas.

Segundo esta asociación sectorial, o aspecto máis destacado do último ano foi o aumento progresivo dos prezos na madeira de piñeiro, que se intensificou no segundo semestre do 2021. Este aumento debeuse á situación do mercado internacional, no que se produciu unha mellora da demanda. 

Os prezos do piñeiro para serra sitúanse xa arredor dun 40 – 50 % por riba dos rexistrados no 2020. En eucalipto, o mercado experimentou menores cambios no 2021, cunha lixeira suba ó longo do ano pola mellora dos prezos da pasta de papel.  

Pontevedra mantense como a terceira provincia en importancia do sector forestal, por diante de Ourense e por atrás da Coruña e Lugo. A súa facturación de 2021 foi arredor dun 11% do facturado polo sector en Galicia. 

Por distritos forestais, Caldas-Salnés e Deza-Tabeirós son os máis destacados. O Deza é líder en facturación de piñeiros, en tanto Caldas lidera o ranking de facturación en eucaliptos.