O modelo económico de Marea Pontevedra aposta polo turismo e o sector agroforestal como principais nichos de emprego

Pontevedra
25 de febreiro 2015

Respecto ao turismo, no programa contan con propostas como converter á illa de Tambo nun "foco de atracción comarcal", crear un cámping na illa das esculturas ou recuperar o antigo Balneario do Lérez

Roda de prensa de Marea Pontevedra PontevedraViva

O modelo económico de Marea Pontevedra aposta polo turismo e o sector agroforestal como principais nichos de emprego. Así o explicou este mércores o candidato de Marea Pontevedra, Luis Rei, nunha rolda de prensa na que debullou a súa "base programática".

Así, os integrantes de Marea propoñen crear unha axencia local de emprego en Pontevedra, impulsar a Formación Profesional ou asinar convenios coa banca ética, entre outras ideas.

Respecto ao turismo, no programa contan con propostas como converter á illa de Tambo nun "foco de atracción comarcal", crear un cámping na illa das esculturas ou recuperar o antigo Balneario do Lérez.

En canto á industria agroforestal propoñen un acordo coas empresas da Estrada para buscar alianzas coa industria do moble, radicando na cidade un centro de formación de deseñadores. Ou crear o selo Mel de Pontevedra, impulsar unha escola ou máster de Xardinaría e Paisaxismo, ou promover rabaños caprinos para o sostemento dunha cooperativa queixeira e cárnica e con aproveitamento de restos como a biomasa.

Esta formación política sinala a necesaria cooperación co Porto de Marín ou a cidade de Vigo así como con outros territorios no marco do Eixe Atlántico.

Neste modelo económico do municipio de Pontevedra non ten cabida ENCE

Os integrantes de Marea tamén se posicionan contra as grandes áreas comerciais fronte ao pequeno comercio, "que son os que xeran emprego". Para iso Pontevedra tería que investir en novas tecnoloxías, en infraestruturas de comunicación e potenciar o cooperativismo, contando sempre coa complicidade da Universidade.

Todas as estratexias deste modelo de Marea Pontevedra pasan por potenciar unha "economía do Ben Común" (dignidade humana, solidariedade, equilibrio ecolóxico, xustiza social, participación democrática e transparencia).

Neste modelo económico do municipio de Pontevedra non ten cabida ENCE. O candidato de Marea, Luis Rei, sinala a necesidade de "recuperar para os cidadáns o espazo máis singular e con maior valor que temos como son ás marismas de Lourizán".

Entre outros argumentos cita a destrución de postos de traballo propiciada pola fábrica de celulosa, "en 1999 as cofradías do fondo da ría, Praceres, San Telmo e Raxó tiñan 990 personas traballando, no 2015 as tres confrarías apenas ocupan a 400 persoas. Destruíronse neste tempo uns 600 postos de traballo no marisqueo", explicou.