O mitin central do BNG en Pontevedra será ao aire libre e "sen entrada nin invitación"

Pontevedra
09 de outubro 2012

Será o próximo venres 12 de outubro na Praza do Teucro, en pleno Centro Histórico, sempre que o tempo o permita. No caso contrario, trasladarase ao Teatro Principal

Miguel Fernández Lores, Luís Bará e membros do grupo municipal do BNG repartiron propaganda electoral pola cidade

O mitin central do BNG en Pontevedra, previsto para este venres 12 de outubro, será un acto aberto a toda a cidadanía "e non hai que levar entrada nin invitación". Así o anunciou o candidato nacionalista Luís Bará. Será, sempre que a climatología o permita, na Praza do Teucro, un dos núcleos neurálxicos do Centro Histórico de Pontevedra, todo un símbolo do goberno municipal.

Segundo Luís Bará, este acto suporá unha continuidade coa campaña electoral pola que apostou o BNG, "de contacto coa xente, percorrendo os barrios e as parroquias". Entenden desde as filas nacionalistas que estamos ante unha campaña moi aberta e que "hai unha parte moi importante do electorado que non decidiu o seu voto, e o noso traballo é chegar a eses sectores cabreados coas políticas que chegan do goberno central e galego".

Neste sentido, Bará cualificou como "moi positivo" o feito de que haxa debates electorais, xa que "é o momento de contrastar as propostas e debatilas". E fronte ao debate entre Núñez Feijóo e Pachi Vázquez, o debut de Francisco Jorquera, que esta noite debaterá contra o candidato do PSdeG-PSOE, vese con esperanza. "Esperamos que hoxe se poidan dar alternativas a unha situación que para moitos e dramática. Nós entendemos que neste contexto, é necesario novas formas de goberno e quen a pode garantir é o BNG".

Para o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, os socialistas "teñen dificultades" para defender as súas teses e atacar ao goberno do PP, "porque foron eles os que iniciaron o proceso de recortes sistemáticos nos dereitos laborais e nos servizos públicos". Por iso, o rexedor capitalino cre que con Jorquera "si haberá contraste, porque nós ofertamos unha política diferente".

"Cremos que hai que cambiar o goberno para cambiar as formas de facer política. Este país ten que ter máis autogoberno, máis capacidade económica e a posibilidade de recadar os seus propios impostos, para así desenvolver os sectores produtivos do país, que nos estamos quedando sen nada", concluíu Fernández Lores.

Arquivado en