A Concellería de Turismo do Concello de Vilagarcía segue a dar pasos de cara a á realización do miradoiro da Cruz de Xiabre. Hai unhas semanas, segundo a xunta de goberno local, solicitaron ao Grupo de Acción Local Costeira (GALP) unha subvención de 48.000 euros para financiar a actuación.
Segundo o goberno local, na reunión deste luns contratouse a redacción do proxecto do miradoiro por importe de 1.000 euros. A firma vilagarciá, Corticata, será a encargada de deseñar a actuación baixo o criterio de intervir o mínimo na contorna natural.
Segundo comentou o Concello, o proxecto non precisará máis intervención que a montaxe dunha plataforma circular para permitir o goce dunha panorámica de 360 graos e o acondicionamento do acceso dende o camiño ata o miradoiro.
A idea de crear este miradoiro na zona da Cruz de Xiabre enmárcase nas actuacións que está a promover a Concellería de Turismo que dirixe Álvaro Carou, para potenciar o turismo natural e mariñeiro.
Dende o miradoiro poderase contemplar desde a distancia e en conxunto as zonas marisqueiras de Carril e Bamio, o inicio da Ría de Arousa coas explotacións bateeiras, o pobo mariñeiro de Carril, a illa de Cortegada, integrada no parque Nacional das Illas Atlánticas, e mesmo unha panorámica de Vilagarcía e parte do percorrido do vía crucis pola Ruta Fluvial Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.