O Meu Compromiso, unha aposta por un comercio sostible e de proximidade

Pontevedra
08 de outubro 2021
Actualizado: 21:03

A iniciativa lanzada pola concellería de Promoción Económica conta coa participación de 42 establecementos comerciais. Ademais, en tres prazas da cidade están instalados tres puntos informativos elaborados con materiais reciclados

Inauguración da campaña O Meu Compromiso no posto informativo de Loureiro Crespo Concello de Pontevedra

Pontevedra intensifica o seu compromiso coa ecoloxía, a natureza e o comercio sostible a través da campaña O Meu Compromiso, unha iniciativa da concellería de Promoción Económica consistente na apertura de tres puntos sostibles en Rosalía de Castro, na Praza de Ourense e en Loureiro Crespo.

Nestes espazos informativos búscase concienciar á cidadanía sobre a importancia de dinamizar o comercio de proximidade, enxalzar a creatividade dos comerciantes locais e incentivar as compras nestes establecementos.

Os tres puntos sostibles están realizados con materiais naturais, ecolóxicos ou reciclados. O situado fronte á Audiencia Provincial está elaborado a base de botellas, plásticos e unha estada que permitirá obter información sobre as pinturas e o plástico reciclado. O da praza de Ourense, fronte aos xardíns de San Francisco, achegará datos acerca de fibras como a la ou o algodón. O de Loureiro Crespo está enfocado cara ao uso decorativo das madeiras e as plantas.

Para complementar a campaña, os 42 comercios participantes decorarán os seus escaparates con motivos sostibles acordes coa área no que se atopen situados. 

"A campaña está a espertar unha enorme ilusión entre os comercios participantes, que nos están a enviar correos nos que nos din que teñen moitas gañas de dar o mellor de si no concurso de escaparatismo ecolóxico e que agardan cumprir as expectativas", afirmou a concelleira Yoya Blanco durante a presentación do programa.

O concurso de escaparatismo contempla tres premios de 600 euros para os mellores decorados elixidos en base aos criterios dun xurado composto por un membro da Deputación, un técnico do Concello e unha responsable da firma organizadora (Sra. Nona Brand). "Premiarase a creatividade e orixinalidade, sempre e cando o establecemento respecte a esencia da campaña e inclúa o material que lle toca na súa zona", puntualizou Blanco.

Para completar a campaña, está prevista unha serie de actos polo centro da cidade. Este venres, a partir das 17 horas na Praza da Peregrina, celebrarase o primeiro dos espectáculos titulado Rock in the Air, no que a compañía Pablo Méndez Performance executará vertixinosas coreografías a seis metros de altura. O sábado ás 12.30 diante do Mercado e o domingo ás 17.30 horas en Andrés Muruais repetirá a actuación.

O espectáculo volverá celebrarse a fin de semana seguinte no Mercado o sábado e na Pasarela o domingo.

Ás 18 horas deste venres tomará a saída o primeiro dos cinco pasarrúas desde a Peregrina. Continuarán o sábado ás 17.45 desde a Praza de España e o domingo ás 12.15 por Andrés Muruais. A próxima semana irán pola Praza de Curros Enríquez na tarde do sábado e por 12 de Novembro na mañá do domingo.

Doutra banda, este sábado poñeranse en marcha no punto sostible de Loureiro Crespo os obradoiros para concienciar aos máis pequenos sobre a importancia da ecoloxía, a natureza e a sustentabilidade.

Os talleres infantís desenvolveranse en horario de mañá, de 11 a 13.15 horas, e de tarde, de 16.30 a 19.15 horas, serán impartidos por un monitor en grupos de seis menores e centraranse na creación de xoguetes, de bolsas da compra, unha mini horta e clases de reciclaxe.