O Ganapán, espazo infantil instalado na planta superior do Mercado de Abastos, comezou a funcionar este xoves 22 de decembro.
Esta ludoteca, creada para facilitar a conciliación familiar dos traballadores da praza e tamén para promover a asistencia de público familiar ao mercado, ofrecerá diferentes actividades para os nenos, como talleres artísticos, musicais ou gastronómicos.
Funcionará todos os venres para actividades con centros educativos e asociacións e os sábados para o público en xeral, aínda que durante as vacacións de Nadal estará operativa todos os días nos que abra o mercado, con talleres de 10:00 a 12:00 horas e de 12:00 a 14:00 horas previa inscrición en oganapan@omercado.gal ou no teléfono 604 024 645.
No seu primeiro día de funcionamento os pequenos contaron coa visita de Manuel Otero, bateeiro con máis de 40 anos de experiencia que explicou aos nenos como é o seu traballo de cultivo de mexillón e o material que utiliza.
Así, os nenos coñeceron o proceso de cultivo de mexillón, desde o inicio ata que chega ao mercado. Os pequenos fixeron tamén unha degustación de mexillóns e produtos derivados e, coas cunchas, co fin de promover a reciclaxe creativa, unha proposta plástica para decorar as árbores de Nadal.
A intención é que os oficios do mar e da terra sexan o eixo central das actividades do Ganapán.