O mercado de abastos de Pontevedra avanza na dixitalización e estrea unha web

Pontevedra
29 de xuño 2021

Yoya Blanco lembra que o proceso de desenvolvemento tecnolóxico acelerouse "tremendamente" por mor da pandemia e que traduciuse no nacemento de plataformas como E-Ponte.com e PonteAbastos.com, que "chegaron para quedar"  

Nova web do mercado de abastos de Pontevedra
Nova web do mercado de abastos de Pontevedra

O mercado de abastos de Pontevedra dá un paso máis cara á súa dixitalización e modernización e desde este martes conta cunha nova páxina web, aloxada no dominio https://omercado.gal/.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, destaca que a nova web é "sinxela e, ao mesmo tempo completísima" e supón "un novo paso adiante na dixitalización" e, polo tanto, na súa "adaptación aos novos tempos e demandas".

Yoya Blanco lembra que o proceso de desenvolvemento tecnolóxico acelerouse "tremendamente" por mor da pandemia e que traduciuse no nacemento de plataformas como E-Ponte.com e PonteAbastos.com, que "chegaron para quedar".

A nova web impulsouna a Concellería de Promoción Económica e Turismo e ten unha fácil navegación, dividida en varias seccións básicas a partir dunha pantalla principal que incorpora un calendario das actividades programadas polo Ganapán, o Gastroespazo e a praza de abastos.

Na páxina teñen un apartado especial o Espazo Gastro, coas diferentes propostas gastronómicas e establecementos que do andar superior; e tamén os talleres de lecer infantil de O Ganapán, co calendario de obradoiros programado (cos horarios das distintas actividades). 'Clickando' en cada un dos talleres pódese acceder a unha explicación do mesmo e ás normas de inscrición.

Tamén hai un apartado específico chamado 'A Praza' que informa dos postos e servizos existentes, fala a súa historia e incorpora un enlace directo á plataforma de venda do Mercado de Abastos: PonteAbastos.com.

O edificio situado na rúa Serra e a súa contorna e os servizos que se ofertan tamén teñen un oco na páxina, detallando as opcións de venda online, reparto a domicilio, aparcadoiro, acceso e WC para persoas con diversidade funcional, consignas frigoríficas con 24 neveiras e 4 conxeladores, cafeterías, servizo de restauración e terraza exterior.