O mercadiño de Carballedo transfórmase o venres nunha edición especial da Feira de Nadal

Cerdedo-Cotobade
06 de decembro 2017

Esta cita é sempre o segundo venres de cada mes e esta semana o Concello de Cerdedo-Cotobade agarda unha gran asistencia ao xuntarse a ponte festiva, a presenza de moitos visitantes na contorna e a cercanía coas datas do Nadal

Mercadiño mensual de Carballedo en maio de 2017

O mercadiño mensual de Carballedo transformarase este venres 8 de decembro nunha edición especial da Feira de Nadal, que volverá a contar con máis dunha vintena de postos de produtos de alimentación, roupa, calzado, menaxe, fogar, trebellos e artesanía, así como a presenza de polbeiría.

Esta cita é sempre o segundo venres de cada mes e esta semana o Concello de Cerdedo-Cotobade agarda unha gran asistencia ao xuntarse a ponte festiva, a presenza de moitos visitantes na contorna e a cercanía coas datas do Nadal.

Este venres, ademais, é especial en Carballedo porque a feira cumpre o seu primeiro ano e medio de vida despois da súa creación no mes de xullo de 2016 para favorecer a dinamización comercial da zona.

O Concello de Cerdedo-Cotobade indica que este mercadiño afianzouse e conta cunha clientela media estimada dunhas 400 persoas por cada edición, polo que unhas 6.800 achegáronse ata a mesma nas súas primeiras 17 citas.

O presidente municipal, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción pola evolución e traxectoria desta feira, xa que se está a converter nun punto de referencia obrigada de cada vez máis xente do concello e da contorna e cumpre co obxectivo de dinamizar social e comercialmente a vila cunha boa afluencia de veciños. 

Ademais, Cubela deu a coñecer que o Concello leva semanas analizando diversas medidas de impulso deste certame co propósito de que incremente aínda máis a súa actividade.