O martes 14 ábrese o prazo de inscrición para as ludotecas gratuítas de verán

Poio
08 de maio 2024

O Concello de Poio oferta 620 prazas nestes espazos Concilia durante os meses de verán. As prazas serán gratuítas por unha subvención concedidad pola Xunta de Galicia para facilitar a conciliación familiar. A listaxe provisional de menores admitidos darase a coñecer o 5 de xuño

Actividade infantil en Poio Concello de Poio - Arquivo

O Concello de Poio ofrece 620 prazas nas ludotecas para este verán coa intención de facilitar a conciliación familiar.

As prazas serán gratuítas, tras a concesión dunha axuda por parte da Xunta de Galicia. 

Ángel Moldes, alcalde de Poio, destaca a importancia do medida pero indica que esta gratuidade, por agora, circunscríbese a esta edición xa que se atopa condicionada aos fondos que recibe o municipio do Plan Corresponsables da Secretaría Xeral de Igualdade.

Os espazos Concilia serán os colexios Viñas (San Salvador) e Espedregada (Raxó), con 45 prazas cada un, e Isidora Riestra (San Xoán), entre o 1 de xullo e o 6 de setembro.

Os espazos este ano ofrecen unha duración ata o inicio do curso escolar. Os horarios serán de 7.30 a 15.00 horas, de luns a venres.

Tamén se organizan actividades dous sábados: o 13 de xullo e o 10 de agosto.

No caso do Isidora Riestra, en xullo e agosto, establécense 150 prazas cada un dos meses, mentres que en setembro serán 50.

Poderán acceder menores nados entre 2012 e 2020, ambos os anos incluídos. Deben atoparse empadroados en Poio, matriculados nalgún centro escolar do municipio ou que, residindo fóra de Poio, algún dos proxenitores acredite que traballa no Concello.

As solicitudes para inscribirse e a documentación poderanse presentar entre o martes 14 e o 24 de maio, a través da sede electrónica ou nos rexistros da Casa do Concello ou no Palacete de Besada. As persoas solicitantes deberán inscribirse, como mínimo, unha quincena.

En caso de presentarse máis solicitudes que prazas, adxudicarase segundo baremo e atenderase á situación laboral e sociofamiliar. En caso de empate na puntuación terase en conta a orde de inscrición, que será a data última na que se presente toda a documentación solicitada. 

A listaxe provisional coñecerase o 5 de xuño. Establecerase un prazo para presentar reclamacións, do 6 ao 10 de xuño. A listaxe definitiva será publicada o 14 de xuño.

As bases atópase dispoñibles na web municipal e nas redes sociais