O mal tempo dá unha tregua e permite o gran desfile de Entroido de Poio

Poio
11 de febreiro 2018
Actualizado: 21:06

A intensa choiva caída durante a mañá si obrigou a suspender o desfile do Galo Bruxo previsto ao mediodía na parroquia de Samieira, pero a auga deu unha tregua pola tarde e os disfraces realizaron o percorrido previsto polo centro do municipio

Gran Desfile de Entroido de Poio 2018 Diego Torrado

O mal tempo que se rexistrou en toda a comarca desde a noite deste sábado non foi impedimento para a celebración do gran desfile de Entroido previsto para a tarde deste domingo en Poio. 

A intensa choiva caída durante a mañá si obrigou a suspender o desfile do Galo Bruxo previsto ao mediodía na parroquia de Samieira, pero a auga deu unha tregua pola tarde e os disfraces realizaron o percorrido previsto polo centro do municipio. 

O gran desfile de Entroido comezou cun pouco de retraso, pero realizou o seu percorrido habitual entre a Praza da Granxa de Campelo e a zona da Seca, pasando por zonas de gran intensidade de tráfico como a estrada PO-308, pero o operativo de seguridade posto en marcha polo Concello e a Policía Local de Poio evitou incidentes. 

O xurado do desfile decidiu dar o primeiro premio na categoría de adultos a 'Princesa Canaima' en individuais, ' Xubilados polo mundo' en parellas e 'Comparsa de farsa' en grupos. O segundo premio de adultos foi para 'O Rei do Entroido' en individuais, 'Os xornaleiros van para a viña' en parellas e ' Playmobil Samieira' en grupos. O terceiro premio de adultos foi para 'A leiteira' en individuais', 'A fame e a jana para comer' en parellas e 'Cuadrilla apajalumes os das pistas' en grupos. 

Entre os nenos, o primeiro premio leváronllo 'Belas reliquias' en individuais, 'Os independentes' en parellas e ' Ludovendimia' en grupos. O xurado outorgou o segundo premio infantil a 'Bebé Araña' en individuais', 'Velázquez e a princesa Margarita' en parellas e ' Lokotren' en grupos. O terceiro premio de infantil foi para 'A Colleita' en individuais, ' Frozen Poio' en parellas e 'Os leñadores do futuro' en grupos. 

O premio especial choqueiro foi en individuais para 'Luce mi pueblo', en parellas para 'Obras en Campelo' e en grupos para 'O Lavadoiro do Regueiro'. O premio especial de animación outorgouse a 'A avoa vai de marcha' en individuais, ' Xubilados polo mundo' en parellas e 'Ence, a historia interminable' en grupos. 

Non toda a comarca tivo a mesma sorte que Poio. En Caldas, por exemplo, foi necesario aprazar o desfile previsto para este domingo unha semana e celebrarase o domingo 19. En Moraña a convocatoria mantívose, pero cambiouse a localización da festa para realizala a cuberto no pavillón municipal.  

O Entroido de Poio continuará cun obradoiro de maquillaxe (martes 13, 17.30 horas) na biblioteca, cun baile infantil de disfraces (mércores 14, 17.00 horas) no local da comunidade de montes de Combarro, con outro baile infantil no local social de Campelo (sábado 17, 16.30 horas), e co baile de disfraces no centro cultural Xaime Illa de Raxó (domingo 18, 17.00 horas).

Arquivado en