O luns haberá obradoiros na rúa para aprender a facer unha reanimación cardiopulmonar

Pontevedra
13 de outubro 2023

Os profesionais sanitarios dos Servizos de Medicina Intensiva e Pediatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra impartirán obradoiros de RCP básica á poboación en xeral a mañá do luns 16 de outubro nas entradas principais do Hospital Montecelo e do Hospital Provincial, en horario de 10:30 a 13:00 horas

Curso de reanimación cardiopulmonar

Todos podemos salvar unha vida ante unha parada cardíaca. Por iso, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés celebrará o vindeiro luns, 16 de outubro, o Día Mundial da Parada Cardíaca e da RCP –reanimación cardiopulmonar- cuns obradoiros abertos a todas as persoas que desexen participar, sexan traballadores, doentes ou familiares.

Os profesionais sanitarios dos Servizos de Medicina Intensiva e Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra serán os responsables de impartir esta formación durante a mañá do vindeiro luns 16 de outubro.

A doutora Ana Ortega Montes, intensivista do Hospital Montecelo, explica que "o obxectivo desta iniciativa é divulgar entre toda a poboación as manobras de reanimación cardiopulmonar básica, de xeito que calquera poida aplicar uns primeiros auxilios no caso de paro cardíaco ou dun infarto".

LUGAR E HORARIO

Estes obradoiros de RCP básica celebraranse nos vestíbulos das entradas principais tanto do Hospital Montecelo coma do Hospital Provincial, en horario de 10:30 a 13:00 horas.

En cada centro sanitario do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés haberá un equipo integrado por profesionais da medicina, a enfermaría así coma residentes en formación para explicar as nocións básicas da reanimación cardiopulmonar a tódalas persoas interesadas en aprender dita técnica.