O luns 25 de outubro abre as súas portas a nova sede da Xefatura Provincial de Tráfico en Campolongo

Pontevedra
14 de outubro 2021

Maica Larriba, subdelegada do Goberno, acompañada pola xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, visitaba este venres as novas instalacións situadas no número 8 da Praza Veiga da Eira. Anunciaron que o xoves 21 deste mes será o último día en que se poderán realizar trámites nas dependencias situadas na rúa Joaquín Costa

Nova sede da Xefatura provincial de Tráfico

O xoves 21 será o último día en que se poderán realizar trámites nas oficinas da Xefatura Provincial de Tráfico situadas na rúa Joaquín Costa. O 25 de outubro inauguraranse as novas dependencias situadas en Campolongo, no número 8 da Praza Veiga da Eira, que este xoves eran visitadas por Maica Larriba, subdelegada do Goberno, e por Paula Yubero, xefa provincial de Tráfico.

Este espazo conta cunha superficie total que supera os 1.429 metros cadrados, 274 metros cadrados máis dos 1.155 que se atopaban dispoñibles nas instalacións situadas fronte a parte traseira do Hospital Provincial.  Maica  Larriba sinalou que este local supuxo un investimento de 1.231. 780 euros.

Na actualidade, ao redor de cincuenta persoas traballan nas dependencias da Xefatura de Tráfico e préstanse servizos presenciais e en liña. Entre as actividades máis frecuentes atópanse os trámites relacionados con vehículos dirixidos á cidadanía e a empresas con transferencias, altas e baixas de vehículos ou matriculacións, que en 2019, antes da pandemia, alcanzaban a cifra de 17.599.

Nestas oficinas tamén se ofrecen servizos relacionados coa obtención, renovación e duplicado dos permisos de condución, ademais da xestión de trámites sobre os puntos do carné de conducir ou a realización dos exames e probas de aptitude. Precisamente o día 27 de outubro, a nova sede acollerá os primeiros exames de aptitude. En 2020, como consecuencia da pandemia, as cifras situáronse en 15.899 exames teóricos e 16.244 prácticos.

Ademais, as oficinas ofrecen outros servizos a autoescolas, centros de formación, ademais de actividades relacionadas coa sensibilización viaria, os trámites e solicitudes relacionadas coas multas de tráfico, comunicacións de obras ou de accidentes de tráfico, entre outras cuestións.

Segundo indicou a subdelegada do Goberno, o traslado permitirá resolver os problemas de carencia de espazo que ofrecían as oficinas anteriores e mellorar a accesibilidade ao eliminarse totalmente as barreiras arquitectónicas que existían na outra sede. Ademais, apuntou Maica Larriba, este espazo permitirá mellorar a distribución do persoal administrativo para un mellor funcionamento e servizo á cidadanía.