O lugar de Moldes terá unha parada na liña urbana de bus que conecta con Montecelo

Pontevedra
05 de xullo 2022

Na comisión de seguimento do convenio coa Xunta de Galicia celebrada este martes, a entidade autonómica viu con bos ollos a posibilidade de instalala e mellorar o servizo

Autobús do transporte urbano Mónica Patxot

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, confirmou este martes que o lugar de Moldes disporá dunha parada de autobús na liña que conecta a cidade con Montecelo. 

Este futuro punto instalarase no entronque entre a estrada de Ponte Caldelas e a Ronda Leste, segundo acordou a comisión de seguimento do convenio do Concello de Pontevedra coa Xunta.

"Dentro dese compromiso que establecemos no seu día de estudar o funcionamento das novas liñas e así adaptalas ás necesidades dos usuarios, escoitamos a petición dos veciños desta zona da cidade para instalar unha nova parada neste punto, ao percibir demasiado afastadas as outras dúas paradas da zona", explicou Gómez. 

O edil pontevedrés considera que "é unha solicitude do máis oportuna", polo que a partir de agora comezarán os trámites para a creación desta parada "no período de tempo máis breve posible".

O concelleiro de Mobilidade lembra que a instalación dunha nova parada require un proceso administrativo concreto, así como a solicitude de diferentes autorizacións á hora de sinalar e habilitar de xeito oficial e legal este novo punto.

Doutra banda, Gómez quixo sinalar que o vindeiro luns, 11 de xullo, San Bieito, todas as liñas funcionarán coma se fose domingo, ao ser festivo local en Pontevedra.