O loro Ravachol morreu. Viva Ravachol!!!

Pontevedra
18 de febreiro 2018

O bo tempo deste sábado permitiu que o acto que tradicionalmente pecha o Entroido pontevedrés se desenvolvese sen incidencias. Pero estas festas marcadas pola presenza de chuvias terán continuidade durante a vindeira fin de semana coa celebración da Mostra da Parodia e da Noite Pirata

Enterro do loro Ravachol - Entroido 2018 Diego Torrado

Milleiros de persoas acompañaron ao cortexo fúnebre que este sábado despedía á figura do loro Ravachol, falecido nas últimas horas despois dunha semana na que as choivas provocaron un curtocircuíto na instalación eléctrica que lle acompañaba como adorno neste Entroido, causándolle a morte. Os seus comentarios sempre burlescos quedarán no recordo de todos ata o próximo ano.

Os familiares, amigos e entusiastas do personaxe máis soado do entroido pontevedrés achegáronse durante a tarde ata a praza da Verdura para trasladar o pésame á familia. A cor negra tinguiu a cidade durante estes actos nos que o  boticario Perfecto Feijoo levou con gran enteireza a dolorosa perda.

O féretro estivo acompañado durante o seu percorrido polo centro histórico de diferentes agrupacións: Amoriños de Bora, Os Canecos, Os Paparrulos, Os Solfamidas, Os 100 Tolos, Las Flores del Carnaval, Vamos a Todo e Os da Caña.

Xa na praza da Ferrería levou a cabo o último adeus a cargo de Ilusión Compañía; a agrupación Celme, que bailou a Danza da Morte e Val do Lérez, gañadores do concurso de murgas deste ano. Despois ante os choros desconsolados de todos os presentes, o loro Ravachol desapareceu entre as lapas deste Entroido 2018.

A festa, a diferenza de todos os anos, continuará o próximo fin de semana cos actos que se aprazaron. O venres 23 terá lugar a Mostra da Parodia e o sábado 24 chegará a quenda das actividades da  Noite Pirata.

Arquivado en