O Local de Música convértese en axente creativo da man de Pontevedra ten un puntazo

Pontevedra
04 de novembro 2015

O Local de Música incorpórase ao proxecto Pontevedra ten un puntazo. Baixo este paraugas converterase nun axente creativo. O obxectivo é aproveitar todos os recursos que oferta a cidade e, vía este equipamento, lograr que os músicos de Pontevedra poidan vivir do seu traballo

III edición do Fest do Local de Música de Pontevedra Diego Torrado

O Local de Música incorpórase ao proxecto Pontevedra ten un puntazo. Baixo este paraugas converterase nun axente creativo. O obxectivo é aproveitar todos os recursos que oferta a cidade e, vía este equipamento, lograr que os músicos de Pontevedra poidan vivir do seu traballo.

En concreto, as instalacións da Casa da Luz acollerá accións formativas prácticas que axuden aos músicos a conectarse co mundo profesional e que estarán impartidas por profesionais en activo de recoñecida valía a nivel estatal.

A primeira acción será este sábado 7 de novembro nunha xornada piloto de convivencia que pretende poñer en común a persoas novas de Pontevedra que apostan pola súa carreira profesional na música con profesionais de referencia no sector musical.

Con esta xornada preténdese crear un espazo óptimo para networking e facilitar a creación da comunidade profesional, estruturar un espazo de traballo onde xurdan oportunidades e se facilite a xeración contactos profesionais, coñecer o complexo tramado da industria musical, entender a fiscalidade musical e dispoñer de espazos e tempos para traballar e presentar os proxectos musicais.

O programa desta xornada é o seguinte: 

  • 10:15-11:00 Javier Abreu. Productor Musical. Océano Estudio. Que papel desempeña a produción (e o produtor) musical no marco creativo e artístico dunha banda?
  • 11:00-12:00 Xabier Alonso. Avogado experto en propiedade intelectual. O músico ten dereitos (e algunhas obrigas): o que che interesa saber sobre dereito de autor, roialtis e catro cousas máis.
  • 12:00-13:00 Toño Magariños. Músico e produtor de eventos musicais. Que é unha compañía discográfica independente?
  • 13:10-14:00 Miguel de la Cierva (Xerente do Náutico de San Vicente) e Patricia Hermida (manager en Dotbeat). Aspectos esenciais na contratación de artistas e management; aspectos importantes sobre oficinas de produción e programadores.
  • 15:45-16:45 Presentación de proxectos das persoas asistentes.
  • 16:45-18:15 Diego Pajaró. Xerente de Xeneme Proxectos Sociais e Local de Música. Workshop. Onde está o meu público? Propostas de valor e elementos diferenciadores.

 

Ademais, o 21 de novembro a Casa da Luz acollerá unha sesión formativa a cargo de Roberto Carreras, de MUWOM, empresa especializada en Branding Musical cunha duración de catro horas ao longo dunha mañá ou tarde; e o 5 de decembro no Culturgal participarán no speed-dating cultural no que se encontrarán con festivais como PortAmérica, Sinsal San Simón e produtoras como Esmerarte ou Ouvirmos.