O libro sobre o modelo Pontevedra, "Primeiro a cidade", estréase na Casa da Luz

Pontevedra
31 de outubro 2019

A Casa da Luz foi o lugar escollido para a presentación de Primeiro a cidade, o libro que Pontevedra vén de editar para recoller as ferramentas que o goberno municipal utilizou no deseño do seu modelo urbano

Presentación do libro "Primeiro a cidade" na Casa da Luz Cristina Saiz

A Casa da Luz foi o lugar escollido para a presentación de Primeiro a cidade, o libro que Pontevedra vén de editar para recoller as ferramentas que o goberno municipal utilizou no deseño do seu modelo urbano.

O acto, que estivo conducido pola xornalista Ana Cabaleiro, contou coa intervención do concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera; e o autor do libro, o enxeñeiro Fernando Nebot, experto en mobilidade.

O libro, que nace dun informe previo realizado no pasado mandato, está chamado a converterse nun "manual de referencia" sobre o calmado do tráfico e o modelo pontevedrés.

Esta publicación, de carácter técnico, fai unha análise crítica de cada elemento utilizado na transformación urbana de Pontevedra en función dos obxectivos que se perseguían en cada caso.

Primeiro a cidade, que foi editado en galego e castelán e está sendo traducido ao inglés, tamén será de utilidade nos foros e congresos internacionais nos que se solicita a presenza de Pontevedra e que, a partires de agora, poderá ir acompañada deste documento explicativo.

Os interesados poden solicitar unha copia da obra nas oficinas do Concello ou descargar a versión dixital da páxina web do Concello.