O lema 'Por nós, por todas' vestirá a balconada da Deputación de Pontevedra para reivindicar a igualdade

Pontevedra
27 de febreiro 2020

Durante todo o mes de marzo, a Deputación de Pontevedra programou diversas actividades nas que as protagonistas son as mulleres, co fin de reclamar a igualdade entre homes e mulleres

Presentación da programación do 8M Cristina Saiz

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou os actos que se van desenvolver durante todo o mes de marzo por mor da celebración do 8 de marzo (8M), Día Internacional da Muller. Silva amosou a súa indignación polas trece mulleres asasinadas por violencia machista no que vai de ano, tildando esta situación de "dramática". Entre os actos, haberá exposicións, encontros de mulleres e literarias, concertos e un ciclo de cine.

Os actos comezarán o luns 2 de marzo coa exposición 'Rompe e xoga en igualdade' en Tui, no edificio Área Panorámica, e poderá visitarse ata o 14 de abril.

O martes 3 de marzo organizaranse dous actividades no Castelo de Soutomaior. A primeira, será a plantación de camelias nos xardíns do castelo, ás 12:00 horas. Rexistrarase unha nova camelia, chamada María Vinyals, unha flor con multitude de pétalos e de cor vermella, que muda a cor lila, a cor do feminismo, cando está completamente aberta. Ademais, vaise crear un xardín de camelias denominado 'Con nome de muller'. Nel, xunto a camelia María Vinyals, iranse plantando camelias que se bautizarán con nomes de mulleres recoñecidas como, por exemplo, Rosalía de Castro. Vanse convocar a grupos de escolares para que participen na plantación das camelias co obxectivo de "plantar igualdade entre a mocidade", segundo palabras de Silva. 

Na sede da Deputación en Vigo ás 20:00 horas, o mércores 4 de marzo haberá unha acción de diálogo entre mulleres literarias na que se van mesturar os xéneros narrativo, dramático e poético.

Entre o xoves 5 e o luns 9 de marzo levarase a cabo un ciclo de cinema na sede da Deputación de Vigo con tres proxeccións, todas as 20:00 horas. O día 5 'Ouaga Girls', o día 6 'Visións' e o día 9 'Un home e unha muller', películas que poñen en valor a loita pola igualdade entre homes e mulleres.

O venres 6 de marzo colgarase ás 11:15 horas na balconada do Pazo Provincial de Pontevedra e na sede da Deputación de Vigo unha gran pancarta co slogan de este ano 'Por nós, por todas'. Ás 11:30 horas, no vestíbulo da Deputación de Pontevedra levarase a cabo o acto central que co título de 'A fortaleza da razón', e tratarase da colocación dunha gran instalación que Silva cualificou como rompedora, sorprendente e vangardista. Aínda que non deu moitos detalles, esta acción falará de mulleres poderosas e libres, na que mostrarán a súa repulsa en contra dos negacionistas.

O sábado 7 de marzo tamén no Pazo Provincial, o XIII encontro da muller xorda. Silva afirmou que "se todas as mulleres padecemos discriminacións, as mulleres con algún tipo de disfunción sofren unha dobre desigualdade".

O domingo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ademáis das convocatorias do movemento feminista, levarase a cabo a carreira 'Universo Muller' en Pontevedra. onde se repartirán camisetas de promoción da igualdade, para apostar pola visibilización da muller deportista e pola igualdade no deporte.

O luns 9 de marzo haberá dúas accións de Mulleres en Acción: Violencia Zero, unha en Cangas e outra en Redondela.

O mércores 11 de marzo será a presentación do libro 'María Vinyals: un talento rebelde', de Isabel Blanco, no Museo do Pobo Galego en Santiago ás 13:00 horas.

O Sexto edificio do Museo de Pontevedra, acollerá, a partir do mércores 18 de marzo, unha mostra de carteis de pasados anos do 8M. Tamén exporase un vídeo no cristal da fachada do Museo, a fin que se poida ver desde fóra, con imaxes en movemento das manifestacións que se desenvolveron na provincia. A mostra poderá visitarse ata o 18 de abril.

A mostra 'Muller por muller', comisariada por Rosa Sarmiento, se inaugurará o martes 24 de marzo na sala de exposicións Maruja Mallo da Deputación de Vigo ás 19:00 horas. 

Os días venres 27 e luns 30 de marzo levarase a cabo a presentación do libro 'María Vinyals: un talento rebelde', de Isabel Blanco. No IES de Soutomaior o día 27 ás 10:00 horas, e o día 30 en Valga.

Para rematar o mes, o martes 31 de marzo haberá un almorzo informativo ás 10:00 horas chamado 'Muller e empresa' na sede da Deputación de Vigo. 

Para rematar, Silva asegurou que "trátase dunha longa potente lista de actividades o longo de todo o mes de marzo coas mulleres como protagonistas de todo este mes".