O lecer nocturno vese abocado á desaparición pola imposibilidade de adaptar os seus locais á normativa urbanística

Pontevedra
05 de maio 2023

Os propietarios dos locais de noite de Pontevedra piden unha reunión con todos os partidos políticos para tratar de atopar unha solución que permita a estes negocios, con licenzas de máis de trinta anos de antigüidade, regularizar a súa situación e adaptarse á normativa

Propietarios de locais de ocio nocturno que forman parte da plataforma Pontevedra de Noite Mónica Patxot

Os integrantes da recentemente creada plataforma Pontevedra de Noite compareceron este venres publicamente para explicar os motivos desta unión, que non é outro que cooperar xuntos para evitar a desaparición do lecer nocturno na Boa Vila. 

A agrupación está formada por unha decena de empresarios que representan ao preto vinte locais de lecer nocturno que aínda perviven na cidade. "A metade ou menos que fai vinte anos", lembran con nostalxia. 

Os empresarios alertan dun problema que incumbe a toda a cidade e demandan o amparo do Concello ante o que consideran "unha persecución sobre as licenzas do lecer nocturno".

O principal problema que denuncian é a imposibilidade de adecuar os seus locais aos requirimentos do Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Acústica (Peprica), unha normativa aprobada no 2003, que impide realizar calquera tipo de obra nos pubs para solucionar calquera tipo de deficiencia que poidan presentar estes baixos que "son locais antigos, pequenos, que pasaron por moitos donos e nos que realizar algunhas obras é dificil".

Dos vinte locais que manteñen licenza en Pontevedra, un xa a perdeu e tivo que pechar pola imposibilidade de solucionar un problema urbanístico. Outras cinco atópanse en revisión e ademais hai numerosos locais sen actividade. "É o 25 % do total", alertan.

"Baséanse nunha lei obsoleta de hai 30 anos, non todos os locais reúnen a infraestrutura para adaptarse á normativa do Peprica. Nós non nos negamos a adaptarnos, pero son intransixentes, queremos que sexan flexibles para que podamos adaptar os nosos locais", é a petición que queren trasladase todos os partidos tan pronto como pasen as eleccións porque "porque este é un problema de todos"

Poñen como exemplo da persecución á que están sometidos ao uso de toldos na zona vella. "Están prohibidos, pero todos os locais teñen toldo. Pero só ordenaron quitalo e pechar a un de lecer nocturno", ilustran. 

"Pedimos protección, non queremos que haxa unha liberdade de licenzas pero si unha protección das que hai actualmente, porque a realidade é que está a haber un aumento de control e de esixencias, ademais dun trato preferente a outros locais que non son do lecer nocturno", quéixanse.

"É un acoso e derriba, sentimos perseguidos e parece que o que queren é quitar a noite. Queren destruír este sector en base a unha normativa de hai 20 anos. Tentamos adaptarnos ao máximo posible ao Peprica pero son intransixentes porque non todos os locais teñen unha estrutura para adaptarse ao 100% a esta normativa. Hai cousas que son inviables e o único que queremos é que teñan man flexible para que podamos adaptar os nosos establecementos", insisten.

En representación do lecer nocturno, formaron parte da rolda de prensa desta mañá de venres os propietarios de Bazaar, Patrimonio, Aranda, Bangkok, Cielo, Ítaca, Artik, Lelé de Noite, Moncloa e Banana, aínda que tamén forman parte da plataforma propietarios doutros locais como A Pomada ou Sala Karma.