O incendio do edificio da Ferrería segue dando rabexadas xudiciais 7 anos e medio despois

Pontevedra
14 de setembro 2023

Este mércores 13 de setembro, o Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Pontevedra celebrou un xuízo por reclamación de cantidades no que a comunidade de propietarios de inmoble lindeiro reclama 45.000 euros polos problema de filtracións que aseguran que sufriron desde entón

Edificio que ardeu na Ferrería e, á esquerda, inmoble colindante que denuncia Mónica Patxot

Sete anos, sete meses e 12 días despois do aparatoso incendio que devorou o edificio situado no número 12 da rúa Michelena e no número 6 dos Soportais da Ferrería, o caso volveu aos tribunais. Este mércores 13 de setembro, o Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Pontevedra celebrou un xuízo por reclamación de cantidades no que a comunidade de propietarios de inmoble lindeiro reclama 45.000 euros polos problema de filtracións que aseguran que sufriron desde entón. 

Como demandantes figuran os propietarios do edificio 5 dos Soportais e, como demandadas, tres partes: a dona do edificio que se incendiou, a dona da tenda de teas La Moda Ideal onde dúas sentenzas sitúan a orixe do lume e a compañía aseguradora deste comercio. Pola sala de vistas pasaron, durante toda a mañá, prexudicados, propietarios, inquilinos, traballadores e peritos que mostraron posturas contrapostas sobre a reclamación. 

Os demandantes sosteñen que, a pesar de realizar reparacións no edificio, desde o incendio non deixaron de ter filtracións de auga. Atribúeno á medianeira entre ambos os inmobles -o incendiado e logo demolido e o seu- e sosteñen que é responsabilidade da dona do outro inmoble, que debe pagarlles todas as reparacións. 

Os demandados, con todo, sosteñen que reparar esas filtracións é responsabilidade dos donos do edificio afectado, pois, tras o incendio, xa se realizaron reparacións e recibiron indemnizacións polos danos ocasionados polo lume. As reclamacións posteriores non son responsabilidade súa. 

A dona de La Moda Ideal, María Teresa (Maite) Ramírez, figura como demanda, pero ela sostén que, "no seu momento, o meu seguro xa indemnizou á comunidade polos danos" e que, ao queimarse o edificio, deixou de ser inquilina e "non volvín entrar alí". 

A dona do edificio, Natalia Cepeda, lembrou que en ningún dos xuízos celebrados foi declarada culpable polo incendio e que mesmo foi indemnizada polos danos. Tras o lume, realizou tarefas de rebo e apontoamento do inmoble por petición do Concello e non realizou ningunha actuación na mediana entre os edificios, que é o que piden os demandantes, "porque non foi culpa miña". 

Ela mesma reside no outro edificio lindeiro co incendiado e asegura que "nunca tiven ningunha humidade". Ademais, aclara que en 2017 deixou á empresa contratada polo outro edificio acceder ao seu solar para poder realizar obras de reparación, pero, unha vez rematadas as obras, pediulles que lle devolvesen as chaves porque incumpriron o contrato asinado que lles obrigaba a non causar danos na súa fachada e a deixar todo limpo. 

A presidenta actual da comunidade de propietarios do edificio 5, como demandante, recoñeceu que foron indemnizados polos danos e pagáronlles o diñeiro das reparacións que tiveron que facer tras o incendio, ademais de que asinou un papel renunciando a posteriores accións legais por eses danos. Con todo, finalmente denunciaron e este caso chegou a xuízo porque "o problema prodúcese a posteriori ás indemnizacións", as filtracións apareceron despois de que cobrasen. 

Esta muller sostén que "a mediana queda ao descuberto o día do incendio" e "as humidades apareceron despois". Antes do incendio, "nunca houbo humidades nin filtracións" e desde entón non conseguiron reparalas, continuando a día de hoxe. 

Estas circunstancias confirmáronas varios dos inquilinos que tiñan alugados locais nese edificio. "A humidade era impresionante, caía auga pola parede, poñiamos toallas", relataron, e non conseguiron solucionalas ata que puxeron paredes de pladur para cubrir a parede da medianeira. A pesar diso, nos últimos tempos, "volven verse humidades" que volven aparecer. 

 O coordinador de seguridade das obras de rebo e apontoamento do edificio incendiado, á vez que técnico contratado pola dona do inmoble para realizar informes, concluíu que a súa impresión é que "as obras de 2017 non están ben executadas" e que as obras internas que se realizaron con posterioridade "non teñen nada que ver coa mediana". 

O responsable das obras de reparación de 2017 e de actuacións posteriores explicou que el se limitou a facer os traballos que lle encargaron, el non decidiu cales facer, pero que ásfiltracións "non lle atopo explicación se non é pola medianeira". Recoñeceu que xa durante as obras foi consciente de que entraba auga a través da medianeira, pero non actuou porque ninguén llo encargou. 

O arquitecto e perito que encargou esas obras para o edificio dos demandantes confirmou que "os danos continúan a día de hoxe" e que el era consciente de que "había que reparar a medianeira ou non se solucinaba o problema".

Arquivado en