O impacto da atención primaria no alzheimer: "Detectamos que chegan persoas coa enfermidade moi avanzada"

Pontevedra
22 de febreiro 2023

AFAPO lembra que leva "moito tempo concienciando a toda a sociedade de que o máis importante para familiares e usuarios é a detección precoz". Resulta fundamental "en canto a calidade de vida das persoas". Xa sucedía antes e "agora agudízase todo o tema", asegura o seu presidente

Centro de día da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (AFAPO) AFAPO

A situación actual de falta de profesións e aumento dos tempos de espera que afecta á atención primaria ten impacto directo noutros ámbitos asistenciais e deixa consecuencias negativas en enfermidades como o alzheimer. Así o lembrou esta semana a Confederación Española de Alzheimer (CEAFA), que insiste en que o acceso "rápido e sen demoras" á atención primaria é fundamental.

Desde CEAFA sinalan que a atención primaria e o resto de niveis asistenciais "sufriron un importante desgaste" por mor da pandemia.

A saturación da primaria xerou a cancelación ou aprazamento de consultas programadas con anterioridade á crise sanitaria; a iso súmase que o diagnóstico tamén depende da derivación á especializada e estes fluxos e tempos víronse afectados, do mesmo xeito que as probas diagnósticas, o que deu lugar atrasos nos diagnósticos da enfermidade durante estes anos.

Esa situación tamén se confirma en Pontevedra. Jose Manuel Fontenla, presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Pontevedra (AFAPO), confirma que, no seu colectivo, "detectamos que chegan persoas coa enfermidade moi avanzada" por falta dese diagnóstico. 

CEAFA apunta que é necesario reducir os tempos entre as consultas de atención primaria e o sistema de atención especializada co obxectivo de comunicar canto antes o diagnóstico á persoa afectada, así como á súa contorna familiar.

A presidenta de CEAFA, Mariló Almagro, sostén que o diagnóstico "é a ferramenta imprescindible para reducir e evitar as alarmantes cifras que representa o infra diagnóstico do alzheimer" e permite a posta en marcha de maneira inmediata de todas as baterías de terapias farmacolóxicas e non farmacolóxicas que contribúen a retardar a evolución da enfermidade.

A entidade pontevedresa lembra que leva "moito tempo concienciando a toda a sociedade de que o máis importante para familiares e usuarios é a detección precoz". Resulta fundamental "en canto a calidade de vida das persoas", pois se chegan á asociación e ao seu centro coa enfermidade moi avanzada, xa non se poderá garantir a contención da enfermidade ou da súa deterioración. 

Xa sucedía antes e "agora agudízase todo o tema", asegura Fontenla, que lembra que existe un problema "bastante serio" en toda España.

A calidade de vida dunha persoa con alzheimer "cambia de forma radical", lembra, se o seu diagnóstico é precoz. Así, detéctase en fases iniciais, "pode ter 5 ou 6 anos de autonomía", mentres que se o diagnóstico é tardío, pode quedar reducido a dous. "Son anos de calidade de vida do paciente e da súa familia", insiste Fontenla. 

Ademais, o diagnóstico precoz do alzheimer permite que haxa un maior número de persoas diagnosticadas en fases iniciais da enfermidade, abríndose novas oportunidades para a investigación biomédica e social, posto que a maioría dos proxectos céntranse en poder iniciar calquera tipo de intervención a tempo, buscando frear, na medida do posible, a evolución da enfermidade

Na actualidade en España a cifra de persoas afectadas por alzheimer é de aproximadamente 1,2 millóns e aproxímase aos 5 millóns se contamos coa familia. Para CEAFA, é importante crear conciencia social sobre os sinais de alarma das demencias e dar a coñecer as distintas ferramentas pre diagnósticas que advirtan da necesidade de acudir aos profesionais sanitarios para confirmar un posible caso de demencia.