Desde que o pasado mes de xullo se implantou un sistema de control de acceso para regular as visitas ao illote de Areoso, na Illa de Arousa, a Xunta de Galicia concedeu preto de 5.000 autorizacións para poder visitalo.
O sistema de control regula as visitas ao arquipélago dos Guidoiros, do que forma parte o illote do Areoso, e á illa da Rúa e limita a 150 os visitantes diarios permitidos no illote arousán a través de tres quendas de visitas. A ocupación media supera o 90% a partir das 13,00 horas e roza o 80% nas primeiras horas da xornada.
Das tres quendas, a máis solicitada é a segunda, de 13.00 a 17.00 horas, con 1.825 solicitudes recibidas, seguida da última, de 17.00 horas ata o solpor, con 1.672 autorizacións. Para a primeira quenda da xornada, do amencer ás 13.00 horas, recibíronse 1.425 peticións.
No que atinxe aos modos de acceso ao Areoso, das 1.327 solicitudes recibidas, a maior parte corresponderon a embarcacións sen motor (921).
Para atraques con motor rexistráronse 261 peticións e para acceso con fondeo, 145.
As persoas interesadas en visitar o devandito espazo protexido poden facer a súa reserva a través da ligazón https://areoso.xunta.gal.
O obxectivo do Goberno galego coa regulación de usos e actividades permitidas no conxunto que conforman o Areoso e outra serie de illas próximas é garantir o equilibrio entre a protección dos seus valores e recursos naturais e o aproveitamento público deste espazo, que nos últimos anos rexistraba unha afluencia de visitantes crecente.