Un touro mecánico e un posto de algodón de azucre súmase á oferta lúdica do 'Ice Park' de Sanxenxo este nadal xunto á pista de xeo e a pista americana que está a ser todo un éxito de público no aparcadoiro de Nauta.
Ata o 21 de decembro, o horario, de luns a venres, é de 16 a 24 horas e os sábados, domingos e festivos, de 11 a 24 horas.
A partir do 22 de decembro e ata o 7 de xaneiro o horario irá de 11 a 24 horas.
O prezo é de 7 euros para a pista de xeo e de 4 euros para a pista americana. A programación do Ice Park inclúe ademais concertos e foodtrucks.
NOALLA, PORTONOVO E VILALONGA
Noalla inaugurou este mércores con gran afluencia de público o seu Bosque de Nadal que tamén conta con mercado do Nadal e unha ampla programación onde non faltará nin a visita do Trasno Fantástico, o Apalpador ou Papa Noel nin tampouco o circo de Nelson Quinteiro.
A Asociación Xuvenil A Esmorga leva semanas traballando no bosque para que un ano máis se converta nun motivo máis para visitar Sanxenxo estas festas do Nadal.
En Portonovo a Asociación Rúa dos Viños sorprendeu este ano cun mercado artesanal con propostas únicas e un taller para nenos, do 5 ao 10 de decembro de 12 a 15 horas e de 19 a 22 horas. Non faltarán as propostas musicais ao longo de todas as festas nin os talleres ou os contacontos para os máis pequenos da casa.
En Vilalonga, a Praza Pública converteuse nunha auténtica Aldea do Nadal con talleres, festivais, exposicións e música dentro dunha ampla programación na que se envorcou a Asociación Os Cruceiros de Vilalonga.
Dentro do programa do Nadal, este sábado, ás 17.30 horas, no Pazo Emilia Pardo Bazán, está previsto o espectáculo musical e teatral "Ris nivel" de Baobab Teatro. Ris Nivel está pensado para enredar, rir e bailar, é un espectáculo musical e teatral para os pequenos e pequenas da casa, onde a palabra e as bromas están presentes para levarnos á tradición oral galega.