O Hospital Montecelo activou o seu novo TAC

Pontevedra
28 de agosto 2023

O novo Equipo de Tomografía Axial Computerizada na área de Radiodiagnóstico incorpora unha tecnoloxía exclusiva de posicionamento do paciente baseado en intelixencia artificial, mellora os tempos de traballo dos profesionais e aumenta a calidade da resolución dos estudos

Equipo de tomografía axial computerizada (TAC) Sergas

O Hospital Montecelo activou asistencialmente este luns 28 de agosto o seu novo equipo de tomografía axial computerizada (TAC), toda vez que rematou o proceso de instalación e ensamblaxe desta aparataxe. 

Este TAC renova a tecnoloxía que prestaba servizo neste centro hospitalario, que contaba cun tempo de actividade operativa superior aos 10 anos.

O novo TAC do Hospital Montecelo complementa ao TAC espectral operativo dende o pasado febreiro. Ademáis é o terceiro equipo que se instala na Área Sanitaria dentro do programa de renovación de Alta Tecnoloxía de equipamento electromédico do Plan INVEAT -plan de inversión en equipos de alta tecnoloxía sanitaria no sistema nacional de saúde-.

Este TAC incorpora unha tecnoloxía exclusiva de posicionamento do paciente baseado en intelixencia artificial. Este sistema mellora os tempos de traballo dos profesionais e aumenta a calidade da resolución dos estudos.

Ademáis, esta tomografía axial computerizada incorpora tecnoloxías de última xeración, con moitas capacidades clínicas e unha redución de dose de radiación de ata un 82%. 

Tamén permite aplicacións clínicas que non presentaba o aparato anterior, caso da posibilidade de efectuar estudos cardíacos, estudos de perfusión cerebral para o Código Ictus, á vez que incorpora sistemas de intervencionismo, podendo efectuar biopsias, drenaxes e puncións.

Así mesmo, dispón dun sistema de nova xeración baseado en tecnoloxía de intelixencia artificial, que optimiza o fluxo de traballo para mellorar a facilidade do seu uso, incrementando a adquisición de imaxes e sistemas postprocesado, o que lle permite unha maior precisión nos estudos diagnósticos.