Un proverbio chinés aconsella o seguinte: "se queres ser feliz toda a túa vida, cultiva un horto". Para velo na práctica, basta achegarse ata a Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas e compartir unha clase de xardinería e horto ecolóxico cun nutrido grupo de usuarios da Residencia de Maiores de Campolongo.
Coas vacacións escolares, os exteriores deste colexio están en desuso. A proximidade coa Residencia de Maiores e a súa contorna privilexiada no parque de Campolongo, convérteno no espazo idóneo para desenvolver esta actividade. Así nolo confirma Luz Gómez, a monitora do curso e técnica da Horta Agrelo: "O proxecto consiste en aproveitar elementos do entorno natural que temos aquí en Pontevedra ou nas cercanías e utilizalo como unha forma de ocio e lúdica para que, neste caso, as persoas da terceira idade saian e fagan actividades que moitas veces lles recordan precisamente aos traballos que eles facían no campo, o que pasa é que nós o facemos máis sinxelo e de maneira terapéutica".
Esta iniciativa xorde ao amparo do Plan Social de Ence e o seu "Programa de axudas a entidades que loitan contra a exclusión social". Asistimos á segunda semana de clase dunha actividade que se vai a prolongar todo o ano. Mesmo, cando empece o curso escolar e os rapaces volvan encher o colexio, "temos a idea de que traballen cos nenos, para que lles conten das súas experiencias e que os nenos aprendan deles", coméntanos Nuria Barreiro, a terapeuta ocupacional da Residencia de Maiores de Campolongo, dependente da Xunta de Galicia.
A importancia deste proxecto reside en conseguir que as persoas maiores conserven unha maior autonomía posible, tanto a nivel corporal, como no que se refire á mente e as relacións sociais. Para Ana Carballal, a coordinadora do proxecto, é clave que sexa unha actividade que lles guste, non unha obriga, para "que o horto sexa unha motivación para saír do centro, para entrar en contacto coa natureza, para que teñan unha motivación para coidar algo".
Os chamados "hortos terapéuticos" iniciaron a súa andaina nos países anglosaxóns hai máis de cincuenta anos e diversos estudos mostraron a súa eficacia na redución da incidencia de enfermidades coronarias e demencia nas persoas maiores que o practican.
O programa "Xardinería, horto, talleres e paseos" únese a un total de 226 proxectos seleccionados na I Convocatoria do Plan Social de Ence en Pontevedra, en resposta ao Pacto Ambiental entre a Xunta de Galicia e Ence.